A escola de idiomas non para

BARBANZA

O centro oficial de Ribeira impartirá cursos dos niveis básico, intermedio e de turismo no mes de xullo

23 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A sección ribeirense da Escola Oficial de Idiomas non pechará a porta por vacacións de verán ata o mes de agosto. En xullo, ofertará clases de inglés en tres niveis: básico, intermedio e de turismo.

A decisión de organizar estes cursos no período estival veu dada polo bo funcionamento que a escola rexistrou den a súa posta en funcionamento, a comezos do pasado mes de outubro. De feito, foron 160 as persoas que participaron nas clases. Tanto a directora do instituto Número Un, Ana Valdés, como a xefa de estudos da sección ribeirense do centro oficial, Diana Pastoriza, destacaron a implicación amosada polos alumnos.

Ana Valdés confía en que este éxito se repita tamén no verán. Para esta nova experiencia, optouse por cursos de destrezas comunicativas nos niveis básico e intermedio, dirixidas á poboación en xeral, e por clases específicas para o sector do turismo. Nos tres casos, os seminarios terán unha duración de corenta horas, e impartiranse de luns a venres, entre as 10.00 e as 12.00 horas

Requisitos

Diana Pastoriza explicou que para que se poidan levar a cabo os cursos é preciso que haxa un mínimo de 15 persoas matriculadas, polo que animou a todos os veciños que estean interesados a inscribirse canto antes, xa que o prazo para facelo rematará o vindeiro día 27. A única condición é que os alumnos deben ser maiores de 14 anos e teñen que aboar unha cota de 160 euros.

Toda a información sobre os cursos de verán que a sección ribeirense da Escola Oficial de Idiomas impartirá no instituto Número Un está colgada na páxina web www.eoisantiago.org. A través deste portal pode conseguirse tamén a folla de matrícula.

Ana Valdés animou a todos os veciños que estean interesados en adquirir coñecementos de inglés ou mellorar os que xa teñen a sumarse a estes cursos. A intención é que a experiencia se repita todos os veráns.

A maiores, a directora do instituto Número Un sinalou que o éxito que está a ter a escola de idiomas fai que xa se empece a pensar na necesidade de incrementar a oferta. A este respecto, Ana Valdés comentou que o obxectivo é conseguir que para o vindeiro curso empecen a impartirse tamén clases de francés. Ao parecer, hai un bo número de persoas que se amosaron interesadas en coñecer esta lingua.