Todo un mundo acuático

BARBANZA

Cheo absoluto. Un aluvión de persoas inscribíronse nas novas actividades que oferta a piscina da Fieiteira

10 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A auga ofrece moitas posibilidades para practicar deporte e divertirse a un tempo. Iso deben estar pensando as numerosas persoas que decidiron anotarse nas novas actividades que oferta a piscina de A Fieiteira de Ribeira. Non en van, dende que se estreou o vaso pequeno, nas instalacións ribeirenses impártese dende ximnasia de mantemento a aquaerobic pasando por outras especialidades baixo a auga. Todo un mundo acuático que, durante un mes, e para os abonados, é de balde mentres que os que non están anotados á piscina pódenas practicar soamente co prezo da entrada.

Hai catro actividades deportivas distintas con variados horarios. No caso do aquagym, as clases son os luns, mércores e venres en horario de 10.15 a 11.00 horas e os martes e xoves dende as 16.30 ás 17.30 horas. Se se prefire o aquastep, deberase acudir os luns, mércores e venres en horario de 20.15 a 21.00 horas. No tocante ao aquaerobic, as clases son os martes e e xoves dende as 21.00 ás 22.00 horas. E, aqueles que prefiran a ximnasia de mantemento, terán unha oportunidade de ouro os luns, mércores e venres en horario de 19.30 a 20.15 horas.

Cursos de natación

Desde as instalacións de A Fieiteira tamén indicaron que no novo vaso vanse dar os cursiños de natación, tanto aqueles que teñen protagonistas aos nenos como aqueles que son para adultos. Destacaron que o feito de que neste vaso non cubra, en moitos casos, dá máis xogo aos monitores para ensinar os primeiros pasos do deporte da natación.

Ao parecer, tanto os cursos como as modalidades deportivas citadas son todo un éxito, e iso que soamente levan dende o día 1 en marcha. Así, dende as instalacións comentaban que están facendo quendas de 16 persoas, e que case nunca quedan ocos libres.

Son as mulleres, sobre todo a partires dos 30 anos, as que máis demandan este tipo de servizos. De feito, estes días podíase observar a un bo número de féminas ben pendentes do que lle mandaban facer os monitores -hai ao menos catro persoas dedicadas a estas actividades-.

Como nunha clase de ximnasia en terra firme, non faltaban nin os exercicios de quentamento, nin os xogos de pelota nin, por suposto, os estiramentos de músculos de rigor para evitar as molestas maniotas.