Os nenos que participan no campamento urbano de Ribeira preparan unha sesión circense para esta tarde
08 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Ribeira converteuse estes días nunha auténtica pista de xogos de grandes dimensións. Dende o luns, decenas de nenos percorren o municipio facendo todo tipo de divertimentos populares que moitos coñeceron por primeira vez. Os departamentos de Xuventude e Deportes do Concello foron os encargados de poñer en marcha esta iniciativa coa finalidade de que os cativos poidan redescubrir a cidade. Ao mesmo tempo, están preparando unha función de circo, que terá lugar esta tarde.
O técnico municipal Mario Vidal explicou que hai uns 25 monitores para atender a preto de oitenta cativos de entre 6 e 12 anos.
Aínda que esta iniciativa non é a primeira vez que ten lugar en Santa Uxía, si que se celebra durante as vacacións de Semana Santa.
O campamento urbano está a ofrecer a oportunidade aos máis cativos de coñecer mellor a cidade a través do xogo. A iniciativa, que comezou o luns, remata precisamente esta tarde. Durante os tres días, os pequenos descubriron currunchos, rúas, prazas e edificios públicos que ata o de agora non viran. «Está sendo unha experiencia moi grata para eles», comenta Mario Vidal.
Petición
Un dos motivos de poñer en marcha a iniciativa nestas datas foi para atender a demanda de pais e nenos, coa finalidade de que estean entretidos, e para conciliar a vida laboral e familiar, pois os cativos teñen unha ocupación na que ademais de aprender tamén están a pasalo ben.
A cidade está a ser o eixo central do campamento, polo que os xogos estanse celebrando nos lugares públicos. O luns, algunhas das actividades tiveron que facerse no polideportivo debido á choiva.
Os cativos tamén están participando en diversos obradoiros durante estes días. Iso si, todos eles están relacionados co circo.
Os pequenos son os encargados de facer os decorados, de preparar os números e todo o relacionado coa función, que terá lugar esta tarde a partires das catro na praza do Concello.
Antes da función, os nenos tamén farán o tradicional desfile circense para invitar ao público a asistir ó espectáculo que eles mesmos se encargaron de preparar. Mario Vidal estaba entusiasmado co grao de implicación dos pequenos, que espera se vexa recompensado esta mesma tarde.