Sesenta veciños do municipio integran o elenco de actores que o venres estrearán a obra de Pancho
21 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A falta dun par de días para a grande estrea, os nervios están a flor de pel nos sesenta veciños de Rianxo que integran o elenco de actores que este venres subirán ao escenario do auditorio municipal para representar Sempre en Rianxo. O soño do barbeiro . Trátase dunha peza escrita por Andrés Martínez, Pancho , que todos os barbanceses terán a posibilidade de ver, posto que hai previstos tres pases para este fin de semana.
Pancho Martínez recoñece que hai xa varios anos que lle estaba dando voltas á idea de compoñer esta peza teatral: «O problema é que tiñan que darse varios factores, un deles era contar cunhas instalacións axeitadas, polo que crin que este era o momento idóneo para materializar o proxecto, xa que contamos co auditorio».
Á hora de darlle forma a esta idea, o rianxeiro tomou como referencia dúas grandes obras: A fiestra baldeira e Os vellos non deben de namorarse . A partir delas, desenvolve unha historia que transcorre nunha barbería, pero na que se fai referencia a tres dos espazos máis representativos de Rianxo: a ribeira, a taberna e as festas da Guadalupe.
Aínda que a trama transcorre nos anos cincuenta, Pancho sinala que non se trata dunha obra de carácter histórico, polo que nela cobran vida todos os escritores que teñen relación con Rianxo, así como un feixe de personaxes ilustres.
Colaboración
O autor da peza teatral recoñece que un dos obstáculos que se ancontrou foi o de conseguir reunir ás sesenta persoas que participan na montaxe, entre as que se atopan os membros da agrupación Airiños, pero tamén moitos veciños que ata o de agora non se subiran a un escenario: «Para este labor contei coa colaboración de Charo Lorenzo, xa falecida, que foi quen convocou a toda esta xente». Ademais dos actores, para a representación, Pancho botou man dos gaiteiros dos Rosales, grupo liderado por José Romero, así como do colectivo de danza Aleivosía.
Iso si, ao tratarse de tantas persoas, houbo algún que outro problema para fixar os horarios dos ensaios. Pancho confía en que o elevado número de actores non sexa un impedimento para levar a peza a outros escenarios de Galicia. A medio prazo, confía en representala no Teatro Principal de Santiago e no Teatro Rosalía da Coruña.
Pero os primeiros en gozar da función serán os rianxeiros. O venres e o sábado representarase ás 21.00 horas no auditorio, mentres que o domingo será ás 19.30.