A casa de Ramón Sende foi tamén berce do galeguismo en Asados: era a sede do Partido Galeguista, e por ela pasaron destacados dirixentes, entre eles o propio Castelao.
-¿En que bando o colleu a Guerra Civil?
-Eu sempre fun galeguista, primeiro en Asados e despois, cando casei, afilieime ao comité local do partido en Araño. E cando empezou a guerra formei parte do Comité de Defensa da República.
-¿De que xeito colaboraba?
-Iamos requisando as armas para o noso bando. Fomos á casa do cura, e déunolas, pero a min tomoumo a mal e cando me fixo falta un certificado de boa conduta despois da guerra non mo quixo dar.
-¿E a súa militancia non lle trouxo problemas?
-Si, estiven 45 días con traballos forzados na estrada de Rianxo a Burés. Pero tiven sorte. O noso garda era bo, dos poucos que había. Nós tiñamos medo de que pola noite nos viñeran buscar os falanxistas para matarnos, e el díxonos que se queiramos durmir no cuartel, el coidaría de que non nos pasara nada.
-¿Como empezou a historia? ¿Como é que se afiliou?
-Porque a miña casa era a sede do Partido Galeguista, e meu cuñado era o presidente. El si que tivo sorte de que non o mataran. Pola casa viñan os Insua de Rianxo, e tamén Castelao veu dar un mitin, pero estaba tan afónico que non podía falar e traía un intérprete que berraba por el.