A nova tempada do local da xuventude de Boiro arranca con música e con actividades de carácter social
03 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Despois do parón estival, a Estación Leñaverde de Boiro porase de novo en marcha o luns. Así o anunciou onte a concelleira de Xuventude, Dores Torrado, quen destacou que a música e as actividades de carácter social serán os eixos principais da programación desta tempada, aínda que deixou claro que o local está aberto a todo tipo de iniciativas destinadas á mocidade.
De feito, aínda que a idea é que este espazo se dinamice dende o centro social da vila, o Concello decidiu poñelo a disposición de todas as entidades sociais e culturais do municipio, co fin de que poidan aproveitar as instalacións para desenvolver as súas actividades.
Tanto Dores Torrado como a técnica de Xuventude Marga Sampedro sinalaron que xa hai varios grupos musicais que solicitaron data para actuar na Estación Leñaverde, co fin de amosar o seu traballo. A maiores, dende o departamento de Xuventude estase a xestionar a actuación de bandas de fóra da comarca.
Tanto é así que será o grupo santiagués Marful, liderado por Uxía Pedreira e cun guitarrista pobrense, Marcos Teira, o encargado de abrir o cartel musical da nova tempada da Estación. A súa actuación está programada para o sábado da vindeira semana.
Posteriormente, pasarán pola sala de concertos do centro social boirense Bisón, Sinefres, Oito Ferrados e Spin Wins.
Novos valores artísticos
Como ven sendo habitual, a creación artística ocupa un papel importante na programación do centro social de Boiro. Nas paredes da sala de novos creadores do edificio colgarán en breve os cadros de Laura Neu e de María Magán. As dúas son pintoras coñecidas na localidade pola súa colaboración co proxecto Leñaverde.
Aínda que a programación cultural non está pechada, tamén vanse incluír unha sesión de monólogos e o festival Acción.
A maiores, na liña de apertura da Estación Leñaverde a todos os colectivos do municipio enmárcase a colaboración coa Cruz Vermella. A coordinadora da agrupación, Teresa Romero, explicou onte que a entidade aproveitará o local para o desenvolvemento de actividades vinculadas coa educación para a saúde e coa prevención das condutas violentas.
Ademais destas actividades puntuais, os mozos poderán acudir todos os días á Estación para usar os xogos e a zona wifi, e para asesorarse no punto de información xuvenil.