A imaxe principal da Semana Santa de Ribeira estreará o mércores faldón e unha coroa con raios de prata
15 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Todo está listo en Ribeira para a celebración da Semana Santa. Nesta ocasión, a imaxe que presidirá a procesión principal, o Paso, brillará máis que nunca xa que, ademais de estrear faldón, lucirá por vez primeira uns raios de prata na súa coroa.
De dar a coñecer estas novas encargouse onte Purificación Cores, vicepresidenta da Confraría do Paso. Sinalou que os cambios que experimentou a imaxe foron posibles grazas á colaboración dos socios da entidade e de particulares que realizaron doazóns.
Cores estivo acompañada do técnico de cultura Unai González e do párroco Cesáreo Canabal, que foron os encargados de dar a coñecer as actividades incluídas no programa de festexos desta edición da Semana Santa. Este arrancará mañá coa bendición dos ramos. A cita está fixada para as 11.00 horas, no Monumento e no cruceiro de Santa Clara.
Acto principal
A actividade máis destacada dos festexos ribeirenses, polo número de persoas que congrega, é a que se vai desenvolver o mércores. A procesión do Paso de Xesús na horta das oliveiras sairá ás dez da noite da rúa Cristóbal Colón. A imaxe percorrerá as principais vías do casco urbano acompañada da banda de música de Negreira e da Asociación Juvenil Española de Ferrol.
Para o xoves está fixada a celebración da cea do señor, ás 20.00 horas; mentres que o venres terá lugar o desfile presidido polo santo enterro e a soedade de María. Partirá ás 21.30 horas.
A programación deseñada para Semana Santa inclúe, para o sábado, unha misa solemne na igrexa de Santa Uxía. Ao remate da liturxia haberá unha degustación de roscón de Pascua.
As actividades concluirán o domingo cunha celebración bautismal, que terá como escenario o templo do casco urbano ribeirense. A cerimonia comezará ás seis da tarde e contará coa presenza de José Hipólito Gonza, sacerdote peruano.
Dende o departamento de Cultura ribeirense, dirixido por Luciano Fernández, faise un chamamento a todos os veciños do municipio para que se sumen ás actividades programadas. Tamén se lembra que, como en ocasións anteriores, as procesións obrigarán a pechar algunhas rúas de xeito temporal.