Por un consumo responsable

BARBANZA

O Concello de Ribeira editou dúas guías para que os nenos aprendan a ser selectivos á hora de mercar

15 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Orientar aos nenos do municipio para que sexan selectivos e responsables á hora de facer as compras e para que non se deixen influenciar pola publicidade é o reto que levou ao Concello de Ribeira, a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, a editar dúas guías didácticas. O material, cuxa publicación conta co patrocinio da Consellería de Innovación e Industria, será distribuído nos colexios de educación infantil e primaria, co fin de que os mestres o utilicen como unha ferramenta de traballo.

As guías foron elaboradas por Ángela Álvarez Merino, diplomada en Maxisterio e técnica de consumo. No acto de presentación, a autora explicou que os destinatarios deste material didáctico son os mestres que traballan con nenos de entre cero e doce anos. Os docentes terán nestes volumes unha ferramenta da que poderán botar man á hora de planificar os programas educativos no referente á introdución e ao desenvolvemento do consumo.

A calidade de vida, a influencia da publicidade, os hábitos saudables na alimentación ou os problemas ambientais que poden provocar determinados produtos son algúns dos temas que se tratan nestes manuais.

Asesoramento necesario

No acto de presentación das guías, que tivo lugar a última hora da tarde do mércores na aula multimedia de Ribeira, a autora dos volumes estivo acompañada pola concelleira de Sanidade, Dolores Elorduy, e polo alcalde, José Luis Torres Colomer. O rexedor destacou a importancia desta ferramenta didáctica: «Estamos nunhas datas nas que os consumidores precisan dun bo asesoramento».

Torres Colomer sinalou que o hábito de mercar debe responder a unha selección dos produtos, non so en base á súa calidade e prezo, senón tamén polo seu impacto ambiental e social, e incluso pola conduta das empresas que os elaboran: «O exceso de actitudes consumistas, insolidarias e, ás veces, antieconómicas, xustifican a necesidade dunha educación para o consumo».

Para o alcalde de Ribeira é importante insistir na formación dos máis pequenos, co fin de que «non se volvan escravos do consumismo». Torres fixo un chamamento aos profesores que traballan nos centros educativos do municipio para que planifiquen nos seus programas a introdución e o desenvolvemento do consumo como unha materia transversal: «Entre todos lograremos consolidar un gasto eficiente que permita preservar o noso planeta».