O colectivo xuvenil de Boiro terá a partir do venres un local propio no que desenvolver diversas actividades
09 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Hai xa varios anos que o centro social da localidade boirense ven realizando actividades orientadas ao colectivo xuvenil do municipio e de toda a comarca barbancesa. A partir do vindeiro venres, este labor vaise intensificar coa posta en funcionamento do novo local da mocidade, situado nos baixos do edificio municipal.
Co nome da Estación Leñaverde, este espazo botará a andar cunha festa que incluirá o concerto do grupo Cuchufellos. Está prevista a asistencia do director xeral de Xuventude, Rubén Cela, así como de representantes de diversos colectivos, como a Cruz Vermella Xuventude e a asociación Aturuxo.
Aínda que será ese día cando se dean a coñecer con detalle todos os servizos aos que poderán acceder os mozos a través deste novo local, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, e os concelleiros Dores Torrado e Gerardo Piñeiro adiantaron onte que haberá unha oficina de información xuvenil, unha sala de xogos, e espazos dedicados ao estudo e a reunión.
A maiores, a Estación Leñaverde dará cabida á primeira sala pública de concertos da comarca de Barbanza, na que está previsto programar actuacións as noites dos venres. A posibilidade de acceder a Internet a través da conexión wifi e a existencia de máquinas expendedoras de produtos de comercio xusto completan esta lista inicial dos servizos que terá este local.
Mestura artística
Polo de agora, ademais da festa de inauguración do vindeiro venres, xa hai outros dous actos programados na Estación Leñaverde. O primeiro deles desenvolverase o día 22, data na que a asociación cultural Barbantia levará a cabo unha lectura poética a cargo de Rosa Enríquez. A iniciativa completarase cunha intervención musical e unha sesión de pintura en directo.
Para rematar o mes de febreiro, os técnicos de informática do centro social de Boiro e o persoal do programa de dinamización da sociedade da información da Xunta porán en marcha a primeira queimada dixital. Trátase dunha festa informática na que os mozos terán a posibilidade de baixar e intercambiar música con licenzas libres, textos, xogos e outros arquivos, contando cun ancho de banda fóra do normal.
A maiores, a partir da súa inauguración oficial, o local da xuventude de Boiro estará a disposición dos mozos todas as tardes, de 16.00 a 21.00 horas.