Tradicións con pegada

Luisa Gutiérrez

BARBANZA

O Centro Arqueolóxico do Barbanza dará cabida o sábado a unhas xornadas sobre os muíños e o seu folclore

06 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O Centro Arqueolóxico do Barbanza converterase o sábado no escenario dunhas xornadas sobre patrimonio rural. Baixo o título Os muíños e o seu folclore, esta iniciativa analizará «a figura dunha das construcións máis emblemáticas de Galicia».

A través de conferencias impartidas por expertos na materia esta actividade, segundo os organizadores, pretende «recuperar a tradición popular» e achegala á poboación en xeral». «Os muíños eran uns lugares de reunión extraordinarios. Ao redor deles había toda unha recreación de relacións sociais moi importantes», apuntou o edil de Cultura boirense Xerardo Piñeiro.

As xornadas dividiranse en dúas partes. Pola mañá, dende as 11.00 horas, haberá conferencias e coloquios. Será Tito Concheiro Coello o encargado de abrir o encontro cunha charla titulada Os muíños de río e vento en Galicia: un exemplo da arquitectura popular. Acto seguido intervirá Francisco Xabier Lores Rosal quen introducirá o tema das asociación culturais e a defensa do patrimonio rural.

Nesta actividade impartirá unha conferencia a presidenta da asociación cultural O Faiado 2 baixo o epígrafe, Muíños e outro patrimonio á beira dos ríos de Boiro. Por último, Andrés Sampedro Fernández clausurará os relatorios falando dos cantares muiñeiros.

Práctica

As conferencias completaranse pola tarde cun percorrido por diferentes zonas.

Os asistentes poderán coñecer os muíños de vento de Catoira, o de mareas de Cambados e os de río, na localidade pontevedresa de Meaño. Os organizadores esperan que as dúas partes do día axuden a que os participantes se fagan unha idea da importancia que tiveron estas construcións na tradición e a economía galega.

Participación

Esta actividade conta coa colaboración da Consellería de Cultura, o Centro Arqueolóxico do Barbanza, o Concello de Boiro, O Faiado 2 e a asociación Amigos dos Muíños. Piñeiro, ademais, espera que a participación sexa moi alta. «Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades que este centro ven organizado todos os meses e como sempre, esperamos que acuda moita xente», indicou.

O responsable de Cultura do Concello boirense explicou ademais os obxectivos que perseguen con estas xornadas: «Queremos que a xente coñeza todo o folclore que había ao redor dos muíños, como as cancións que se cantaban mentres moía o millo, xa que forma parte da tradición popular do noso pobo», afirmou.