Que o sentimento tamén teña dunas é apenas unha coincidencia paisaxística, simple accidente do rift continental ou enfeite do plano do horizonte.
Nunca serán lombas tan perfectas porque a súa curvatura nace da contradición e do paradoxo do corazón, pero comparten dourados silencios e a mesma rouquén do mar axitado en derredor. E tampouco serán seos de leite abalando entre a brétema, senón simples cons de pedra, enmudecidos xigantes que doen e compracen por igual a quen os pode sentir. Evidentemente, sempre abrollarán no intelixente caos da beleza e da música, que non teñen tempo Corrubedo nin o corazón para o predicible e o evidente.
En ocasións, na codia do peito bate o temporal con saña ou roxe a auga co despropósito do volcán, pero nada na costa estriada escapa á orde inevitable, talvez porque as mareas sempre regresan a borrar as pegadas e reparar os erros máis frecuentes.
Pouco despois de o ruxido do mar nevar a praia de Balieiros, érguese un vento lene que peitea as emocións con tenrura, acalmándoas, secándoas contra as pedras como se fosen la ou camisas de serpe. Nace entón a soidade que sempre levan implícita os cabos no seu propio nome, e vén bater con insistencia nos vidros dos ollos para entrar con todos os seus dereitos. Igual que a luz exacta dun faro.
Último raio
Hai días en que este intre coincide co último raio de sol, co destelo que se deixa esvarar tenro e húmido en derredor das pedras que terman da gran lanterna. Ao seu paso, a contida paisaxe chega a desatarse coa forza dun rorcual ferido, como unha deusa despistada e errática. E antes de que as tebras arrefríen as lombas de area enchéndoas de recunchos dóciles para o amor, a luz do faro rachará as augas atlánticas como un reflector insolente, sen máis pretensión que descubrir un lugar, un agocho, apenas as escamas dos barcos que regresan.