A reconstrucción do pasado

BARBANZA

Unha vintena de autores recollen a historia de Santa Uxía e das parroquias no libro «Memorias de Ribeira»

05 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Ribeira | A Asociación Cultural Altofante presentou antonte, na casa do mar de Santa Uxía, a obra Memorias de Ribeira, unha publicación colectiva de carácter divulgativo na que vinte autores recompilan crónicas de diferentes temas, acontecementos, personaxes, situacións, datos e curiosidades pertencentes á historia local da capital barbancesa e das parroquias que a compoñen.

Nel Vidal e Luís Teira, coordinadores do proxecto que a mesma entidade edita, estiveron acompañados no acto por Ánxeles González Crujeiras que, xunto con María Graña Santos, son as únicas mulleres que participan nesta iniciativa, aberta á colaboración de todos os cidadáns, xa que, como sinalou Vidal «Ribeira é cada un de nós, cada vila, cada festa da Dorna e do Termo».

Lingua e cultura

Vidal destacou a importancia da lingua e das análises lingüísticas do centro urbano e das parroquias. Facendo gala da frase «Eu nunca serei yo», reivindicou o ghalegho da zona, como parte da historia da poboación, porque «a lingua tamén é memoria», recordou.

Vidal agradeceu aos autores e a Xavier Seco González, encargado do deseño e maquetación do volume, as súas apartacións a unha obra que pretende investigar a historia local, recoller na escrita fontes orais, contribuír a enriquecer e recuperar a memoria colectiva e a divulgar o pasado do municipio, principalmente, entre a propia cidadanía ribeirense, xa que, como sinalou Luís Teira: «Non é un libro só para estudosos, senón tamén unha forma de difusión da lectura, que anima á xente que normalmente non lee a somerxerse nese hábito polo interese dos feitos que se contan».

Teira quixo destacar que o libro demostra que «en Ribeira hai xente capaz de facer cousas» e animou a todo o mundo a aportar o seu testemuño para seguir facendo «protagonista a Ribeira, os seus escenarios, os seus personaxes, e a interacción entre eles mesmos».

Participación

Cada un dos cidadáns ribeirenses pode unirse a esta iniciativa de Altofalante, que espera sacar un novo volume cada ano, para ir reconstruíndo entre todos o pasado ribeirense nas súas diferentes facetas, tanto con feitos, como con anécdotas, lembranzas e a historia de cada persoa, xa que, como di Nel Vidal, citando ó grupo A Matraca Perversa «a nosa historia facémola nós».

A temática da obra é moi diversa e non hai unha liña cronolóxica, «de haber un fío condutor, o único sería Ribeira en si mesma, todo aquilo, anécdotas e feitos, que están na nosa conciencia de ser de Santa Uxía».

Ánxeles González, que elixiu como tema a lagoa de Vixán, tras consultar numerosas fontes e falar cos maiores, destacou a satisfacción que supón facer recordar á xente cousas que parecían esquecidas: «é unha forma de que o pasado volva a formar parte de nós»

A diversidade queda patente la multitude de voces participantes no traballo, dende autores de prestixio, como Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega, ou Xerardo Crusat, ata persoas que escribiron por primeira vez. José Manuel Pazó, Santiago Páramo, Plácido Betanzos e Lois Bello tamén se uniron a esta iniciativa.