Cousas da xente Autoridades e representantes de entidades foron agasallados cuns aperitivos nun novo local hostaleiro de Porto do Son
02 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O xerente do establecemento hostaleiro Áncora da Ría, José Domínguez , inaugurado o pasado xoves, quixo ter un detalle cos asistentes ao acto, aos que ofreceu uns aperitivos no mesmo local. Despois de percorrer as dependencias desta nova pensión do municipio sonense, o alcalde anfitrión, Ramón Quintáns Vila , acompañado polos seus homólogos Caridad González , Antonio Pérez Insua , Santiago Freire e Carlos López Crespo , non dubidaron en degustar algunha das exquisiteces que enchían as mesas. A vila rianxeira gañou un novo cidadán recentemente, trátase de Hugo Maroñas Rey quen, ademais, recibiu o sacramento do bautismo, polo que tamén a familia cristián desta localidade viuse notablemente incrementada. Foi o párroco de Rianxo, Fernando Palleiro o encargado de botarlle a auga na cabeza e cumprir cos requisitos desta cerimonia. Como todo cativo que se prece, ao principio non estaba moi conforme, pero portouse coma un campión. Atentos a todo o que ocorría, ao seu carón estaban seus pais, Rafael Maroñas e Marisé Rey , e a súa irmá. Concluído o acto relixioso, a familia fixo unha pequena festa de celebración no restaurante Chicolino de Boiro. Un aula moi técnica A directiva do Círculo Mercantil de Ribeira trasladou hai pouco a unhas dependencias máis axeitadas a súa aula de informática, na que moitos rapaces teñen a oportunidade de introducirse nas novas tecnoloxías. A este departamento acoden con certa asiduidade Antonio Callón , Héctor Cores , Adrián Méndez , Serafín Bermo , César Míguez , Xulio Gómez e Juan Suárez . Conectados á Rede A concelleira boirense Dores Torrado , acompañada de Samuel Rodríguez , técnico dinamizador en cuestións de novas tecnoloxías, e de Manuel Barreiro , da empresa Acordar Comunicación Internet, foron os encargados de dar a coñecer os detalles do Portal Cidadá, creado polo Concello de Boiro co obxectivo de que todas as entidades do municipio dispoñan dun espazo web propio para difundir as súas noticias e dar a coñecer a súa axenda de actividades. A entidade Alfaia de Ribeira, presidida por Carmen García Torrado impulsa o baile moderno mediante a realización duns cursos que se imparten na sede do Círculo Mercantil de Ribeira, que rexenta José Luis Colomer .