Camiño Vello

| MONCHO ARES |

BARBANZA

O CAMIÑO Real sempre foi o Camiño Vello, así o chamamos toda a vida porque en tempos fora o acceso principal a Boiro, de aí que os veciños adoitaran o sinómino de antigo, pero tamén porque sempre tivo aparencia de vello, antigo, esquecido. Medrei nel xogando aos guás furados na terra, rompendo os zapatos cos balóns de fútbol nun firme de cemento cheo de fochancas e pedaleando na bicicleta sobre un irregular asfalto. Pouco se fixo nunca por ter acondicionado este espazo boirense, o casco antigo, a non ser o empedrado desde Cimadevila ata o Cruceiro e o acondicionamento do atrio da igrexa. É un paradoxo que se aproben proxectos para peonalizar o casco urbano, que está moi ben que se faga, e sigan esquecidas as zonas de Vao, A Rúa, Boiro de Arriba, Currillo... e así ata a Ponte, viarios nos que se atopan pazos, casas soleiras, monumentos artísticos... languidecendo no esquecemento.