O can e o raposo

BARBANZA

DESDE FUERA | O |

20 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

«O CAN: Domestícate, home, e verás que vida máis regalada. O raposo: Non che nacín para ser can». Ninguén resumiu nunca, mellor que Castelao, a nosa idiosincrasia, a nosa forma, maioritaria que non unánime, por desgraza, de tentar resolver os problemas. Pelexando e insistindo sen darnos por vencidos ás primeiras de cambio. Aínda que ás veces parece como se caésemos na rendición ou na submisión, no noso interior está presente sempre o espírito de loita, a pelexa polo que cremos xusto. Unha filosofía existencial que debemos ter sempre presente. Hai un ano por estes días que demos o noso respaldo ao proxecto de Constitución Europea. En teoría a Carta Magna, deste mal chamado vello continente, vainos igualar a todos en dereitos e obrigas. Tamén hai un ano que os gandeiros de Mazaricos non podían pedir axudas, precisamente de Europa, por carecer de banda ancha nas súas casas. Hoxe tampouco a teñen a pesar do compromiso de Telefónica, que si cobrou un bo diñeiro da Unión Europea, de implantala en distintos prazos que inexplicablemente se foron prorrogando. Como tamén se foron dilatando os prazos, dende hai xa un quinquenio, para a ampliación da vía autonómica-mortal de Barbanza, tamén con financiamento europea. De Europa depende igualmente a ampliación das axudas para a mellora da flota polas que pelexan os mariñeiros da comarca, ou o mantemento da veda da anchoa no Cantábrico polo que tanto rifan tamén os franceses. Ás veces parece como se todo, pouco por certo, o que temos dependerá da nosa capacidade de resistencia. Non sei que pasará nesta Europa cada día máis grande e variada. Non sei se saberán en Bruxelas ou Estrasburgo quen foi Castelao e as súas Cousas do can e do raposo. O certo é que tampouco nos importa. Nós seguiremos pelexando, dende este curruncho privilexiado e as máis das veces tamén esquecido. A nós non nos van domesticar. Afortunadamente, nós non nacemos para ser cans.