Aquel frío do 56

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

18 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NON SEI se hai máis ou menos frío có ano pasado, porque a memoria, nestes asuntos da temperatura, xoga coas sensacións invitando a premer os botóns da comodidade, pero non creo iso de que calquera variable sexa culpa do cambio climático, pois o tal cambio non se vai producir dun ano para outro. Só os apocalípticos cren tal cousa, e augúrano no frío de antonte, e na vaga de calor de hai dous veráns, e nas chuvias do inverno do dous mil, e na gota fría, sen ter presente que xa Blasco Ibáñez nos falou das inundacións valencianas no mil novecentos, e Rosalía das riadas de Padrón a mediados do XIX, ou que houbo un terremoto en Lisboa, no século XVIII, que levantou un tsunami contra todo o sudoeste peninsular, ou que durante a vaga de frío do cincuenta e seis, se chegaron a medir cinco grados baixo cero en Sevilla e menos sete en Alacante. Aquel, de hai agora cincuenta anos, si que foi un inverno frío, e ninguén falaba do furado de ozono, nin culpaban ós coches por cuspir óxidos carbonatados; só recoñecían a culpa de todo nun anticiclón estático situado en Siberia, que mandaba unha airexa que conxelou os campos e produciu unha crise tan grave na agricultura que, algúns pobos andaluces e da costa do levante, decidiron que aquela non era vida e marcharon en masa á emigración, para non depender tan drasticamente da climatoloxía. Aqueles homes e mulleres decidiron trocar os verdes e ingratos campos polo progreso dos cintos industriais, e nas fincas que deixaban, vendidas a prezo de saldo, os máis espelidos, sabedores de que nunca chove que non escampe nin xeou que non quecese, apuraron a construír complexos turísticos para cando viñese o bo tempo, arrastrando deste xeito a eses lugares turistas como aves migratorias. A vaga de frío de hai cincuenta anos, contribuíu a mover os roles económicos, a abrir fronteiras e a asentar as diferenzas entre guiris e indíxenas; e quen sabe se, por arte de birlibirloque, non sería tamén aquel frío o culpable de que aumentase o parque móbil nacional, o consumo de petróleo e o conseguinte lifting da capa de ozono.