Poetas

MAXI OLARIAGA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

15 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

TEÑO LIDO fai uns días nestas mesmas páxinas que os nomes dos poetas andan a rolar polas mesas do Concello de Boiro. Estase a discutir, disque, se é apropiado ou non que dúas rúas leven o seu nome. Xa teño dito que se por min fora, ningunha rúa, praza ou avenida, xardín ou edificía habían levar nome de ser humano nin data de almanque. Frores, prantas, minerais e ventos. Astros, cores, sentimentos. Deuses, animais, mitos e artes son nomes que todas as rúas do mundo non poden abranguer, tan abundantes son. Pero o ser humano é, diante de todo, un adorador de si mesmo e das súas fazañas e feitos. Datas groriosas para uns e arrepiantes para outros. Nomes de persoas odiosas para aqueles e exemplares para aqueloutros, sinalan as rúas das vilas nun mercado da vanidade que empoa as meixelas do tempo coa maquillaxe fugaz das máscaras. Así o entendo eu. Pero, baixando da nube e pisando a terra cera, asomado á fiestra da realidade, vexo os baixos sentimentos e a vileza. Cáseque podo tocala coas mans polo noxentamente sólida que amosa a súa presenza. A cruel dictadura deixou as nosas rúas cheas de nomes que causan vergoña alabando homes e datas que lembran un golpe de estado que rematou nunha guerra feroz. Os que se opoñen a rebautizar dúas rúas con nome de poetas cometen un acto espúreo. Esa enerxía que hoxe poñen en recuperar o antigo nome de tal ou cal rúa... ¿Por que non foi empregada cando tiveron o poder para facelo? As razóns que aducen para negar o seu voto déixaos vergoñosamente espidos. «Son dous poetas referentes do Bloque e ren teñen que ver con Boiro», din. Isto, ademais de cavernario é unha estultiza. María Mariño e Manuel María son patrimonio da humanidade. De ter que elixir, honremos as rúas con eses nomes. Nomes de poetas, versos de todos.