LINGUA PROLETARIA | O |
03 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ALÓ POLOS primeiros anos da década dos oitenta, Xavier Alcalá, pioneiro en tantas cousas neste «impaís ben amado», explicábanos as marabillas que os muíños eólicos aportan á producción dunha enerxía eléctrica limpa e respectuosa co medio. Daquela soubemos cal era a relación entre o número de aspas, tipo e forza do vento predominante e a posible aplicación técnica do aparello, así como dos altos índices de aforro, tanto de conexión como enerxético, que suporía para levar a electricidade aos máis arredados lugares. Tamén soubemos que o monopolio eléctrico instaurado daquela ofrecíase a mercar os vatios excedentes a un prezo moi inferior ao da tarifa normal, inclinando a balanza de pagos a favor das grandes empresas e poñendo en dúbida a súa rendibilidade. A pesar diso, baixo a iniciativa empresarial de Alcalá, daquela instaláronse varios aparellos en granxas e cetarias, sobre todo na provincia da Coruña, pero, por mor dos custes de mantemento, ou simplemente pola diferencia de prezo entre excedente xerado e demanda precisa en momentos puntuais, aqueles primeiros aparellos foron desaparecendo en menos de dez anos e, curiosamente, ao mesmo tempo aparecían nas máis ventadas serras os modernos parques eólicos, que se venderon co lema de enerxía limpa e ecolóxica baixo o patrocinio das compañías eléctricas. Aínda que non faltaron hiperecoloxistas para denunciar o estrés que o zunido das aspas produce nas vacas e cabalos de monte, así como o despoboamento arbóreo dos lugares onde se instalan os parques, tan negativo para o sector agrario. En fin, que nunca chove nin venta a gusto de todos. Pero o curioso é que, a pesar de ser o vento un ben gratuíto doado por Deus, Eolo e as variacións de presión atmosférica, a tarifa eléctrica, ata agora, só evolucionou segundo o índice marcado polo prezo do barril de petróleo.