Entroido

VEIRAS MANTEIGA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

22 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

XA ME diredes que son ás veces un pesado cando falo dalgunhas cousas. Pois si, tamén é certo. Vou falar do entroido, que ven de rematar en todo o país, pero sobre todo do que houbo en Noia. Canseime de oír protestas pola falla de organización, aínda que mais ben tería que dicir o non respecto dos horarios. Nais e pais disconformes, por iso e polos horarios tan tardíos: aínda estamos en inverno, e fai frío e os días son curtos. Protestas tamén por facelo nunha carpa, cando temos un par de polideportivos onde os rapaces poden estar sentados. Outra cousa: neste país facemos, andamos de entroido, que non é o mesmo que facer uns carnavais. Parece que isto é o que se quere traer, por iso o fiasco dos veciños con espectáculos de brasileiros e drag queens . Non é abondo para animar unha vila que segue un camiño descendente... e senón, botade unha ollada noutras, onde o entroido segue como sempre foi: unha festa popular, chea de improvisación, feita e gozada polo pobo. Facede o favor, os que tedes ideas tan boas coma estas, para que nos vindeiros entroidos nos poñades un par de charangas, que alomenos animan, e deixade o demais para Río ou Tenerife, que aí se fan carnavais que, perdoando, nada teñen que ver co entroido.