Parques temáticos

VEIRAS MANTEIGA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

08 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A DERRADEIRA nova non é tan nova, pois é unha historia coñecida dende hai tempo. É coma a historia das casas rurais que semella ser a panacea. Pois non, os parques temáticos tampouco o son. Así que Terra Mítica, onde a Generalitat valenciana meteu os cartos dos contribuíntes, vaise ao tacho. Seguimos coma sempre e a historia repítese. Xa coñeciamos outros parques: Astérix, Pitufos, Port Aventura, Disneyland..., todos eles previstos para recibir millóns e millóns de visitantes. Iso sobre o papel, posto que a realidade é ben contraria. Despois pasa o que pasa: que todos teñen perdas e algúns teñen que pechar. Cando non é así, aí temos un maná: o diñeiro público que os nosos gobernantes meten nas caixas das empresas e multinacionais privadas. E todo coa historia de gardar o emprego, de reanimar a economía, de atraer turistas..., de calquera cousa, posto que nunca se lles piden contas aos ilusos e optimistas promotores de ditas empresas, abocadas ao fracaso, porque as previsións xeralmente fallan. Si señor, fan ben pedir a recalificación de terreos para especular con eles. O problema é que a moitos de nós, se queremos facer unha vivenda, dinnos que non se pode, pois o terreo non é urbán. Xa que non se despide a esa xente, despidamos aos políticos que malgastan os cartos que tanto nos custa ganar aos contribuíntes.