DENDE FÓRA | O |
02 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.AQUELA FURNA cara ó poniente sinalaba o límite. E o límite deu en bruar, e bruou o mundo. Voltei outra vez sobre os pasos de resucitado tal coma hai mil anos atrás, alí estaba aquela bátega de luz, o canto, o horizonte que fuxía infinitamente sobre o azul e tódolos signos posibles do misterio palpabanse cos dedos, mesmo a palabra chanceler. Hoxe coma unha marea arriba a esta columna a poética de Xabier López Marqués; o poeta de Santa Uxía de Ribeira acaba de publicar o seu segundo libro de poesía Das paisaxes esquecidas . O seu canto traenos á memoria un mundo de múltiples matices. A linguaxe en imaxe de sí mesma, a creación dunha fauna de sensacións íntimas onde nada deixa de ser imprescindible. Os poetas veñen dalgunha parte, ou xa están nalgunha parte. Xabier López Marqués transmite neste libro esa lingua do decir, o decir mesmo. Todo o froito daquelo que labrou a paso lento, coma un orfebre. (na lingua tes as mans cheas de artefactos). Os perfís inconcretos que ao longo das páxinas nos vai debullando, esa verba de mar, esa paisaxe que se toca en cada palabra, o home coma drama da vida, a presencia mesma recuperando as imaxes do pasado. Un libro vital que convida tamén á lucidez.