Saber perder

X.R. ALVITE

BARBANZA

DESDE FUERA | O |

27 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

FOI UN 23 de xuño de 1894 o día en que o Barón Pierre de Cubertain fundou o Comité Olímpico Internacional e os Xogos Olímpicos da era moderna. Aquel día decidiuse que o estandarte, a enseña, o eslogan dunha cita tan importante sería «o importante non é gañar senón participar». Aínda frescos os comicios do pasado domingo, analizados os resultados e as causas que puideran incidir directamente neles e, sobre todo, escoitando e lendo as valoracións dos distintos candidatos, chego á conclusión de que Cubertain era un inxenuo de mil pares de demonios. Porque vostedes saberán coma min que ningún político recoñeceu perder as eleccións, tódalas súas valoracións son positivas e tanto se subiron como se baixaron en número de votos manteñen que a xornada electoral foi boa. Por un lado, qué queren que lles diga: é estupendo que todos se sintan satisfeitos aínda que eu preferiría que os que perderan, porque seguro que alguén perdeu, e eles, como vostedes, sábeno ben, optaran por recoñecelo, felicitar ó gañador e seguir traballando. Quizais para as eleccións o lema dos Xogos Olímpicos non vala, quizais sexa máis apropiado dicir que para saber gañar é moi importante, é imprescindible, saber perder.