Un fillo predilecto esquecido

La Voz

BARBANZA

FOTOS CEDIDAS POR PASTOR RODRÍGUEZ

O profesor José Benito Hermida Juanatey foi distinguido na Pobra polo seu labor pedagóxico O mestre José Benito Hermida Juanatey, aínda que nado en Noia, pode considerarse un pobrense de adopción, pois nesta vila desenvolveu case toda a súa vida profesional, ensinando a varias xeracións de pobrenses as primeiras letras, durante cincuenta anos de labor pedagóxico. Nacera na parroquia noiesa de Santa Cristina de Barro en 1850 e, tras estudiar Filosofía no Seminario de Santiago, fíxose mestre de Primeira Ensinanza e na década de 1880 gañara por oposición a praza da Escola Pública do Caramiñal. Nesta vila desenvolverá case toda a súa vida profesional e nela contraerá matrimonio en segundas nupcias en 1900 e dará orixe a unha coñecida familia. Morre na Pobra o 8 de novembro de 1920, sendo soterrado no cemiterio de Santa Marí

06 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

José Benito Hermida non limitou o seu labor ó ensino, senón que tamén foi autor de varias obras pedagóxicas para a Primeira Ensinanza, entre as que destaca a titulada El despertador de la infancia , que coñeceu xa unha segunda edición en 1882 e que foi declarada oficialmente texto para as escolas por unha Real Orde do 19 de marzo de 1886. Foi obra dalgún éxito, xa que aínda en 1899 apareceu unha cuarta edición na imprenta de L. Rodríguez, de Vilagarcía de Arousa. Trátase dun tratado que desenvolve as tres asignaturas máis importantes na época do Primeiro Ensino, é dicir, a Historia Sagrada, a Gramática e a Aritmética, aínda que non eran as únicas asignaturas que debían estudiar os rapaces do século XIX, pois tamén debían ter coñecementos de Xeografía, de Historia de España e tamén do Catecismo. Esta é hoxe unha obra de difícil consulta, aínda que existe un exemplar da edición de 1882 na Biblioteca Nacional de Madrid, ademais do que está en posesión dos seus descendentes. Tan meritorio labor pedagóxico mereceu, por parte do Concello da Pobra do Caramiñal, o seu nomeamento como fillo predilecto da vila, ó que se engadiu a colocación dunha placa na fachada da casa consistorial que, por desgracia, foi retirada nas obras de arranxo levadas a cabo na década de 1980. Malia isto, non foron sempre boas as relacións entre Hermida Juanatey e o Concello da Pobra, pois, a raíz da remodelación da actual casa consistorial en 1886, comezou unha longa polémica entre o mestre e as autoridades municipais, xa que o edificio que doara Manuel Fernández Varela para escola, foi pouco a pouco sendo ocupado só para funcións administrativas municipais. A ampliación da estrada comarcal obrigara a derruír a fachada do edificio onde se ubicaba o centro educativo, e a reconstruíla, sendo entón cando as autoridades municipais da vila decidiron privar á escola e ó mestre de entrada pola fachada principal.