Tres forzas pelexarán nas municipais. Estas son algunhas das propostas de cadanseu programa
08 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Hai catro anos o pulso nas municipais para o Concello de Valga quedou nun man a man entre o PSOE e o PP. Agora aparece un terceiro factor, a Valga Viga que lidera Manuel Castiñeiras, que entra en campaña atacando a un Bello Maneiro que defende o seu legado. Un legado de 28 anos, presume o alcalde, e que a socialista María Ferreiros quere asaltar confiando no traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos.
-Por que sector económico debe apostar Valga para ter un futuro tranquilo?
-Bello Maneiro. O parque empresarial é fundamental para o futuro de Valga, para poder ofrecer máis solo industrial ás empresas e atraer a novas industrias que poidan xerar postos de traballo para os nosos veciños e riqueza para o municipio. Este parque xa podería ser hoxe unha realidade se non fora torpedeado sistemáticamente polos socialistas de Valga, un exemplo do pouco que lle importa o futuro dos valgueses.Tamén apostamos polo desenvolvemento do sector turístico e pola consolidación, divulgación e posta en valor do importante patrimonio e dos recursos naturais e culturais dos que pode presumir o noso municipio, un deles o Camiño de Santiago, vía de entrada de milleiros de visitantes. Lograr que todos estes recursos exerzan, aínda máis do que o fan na actualidade, como xeradores de riqueza e dinamizadores da economía local.
-María Ferreirós. Imos facer unha aposta firme polo sector forestal, porque entendemos que é un sector de futuro. Porque a boa xestión forestal e a certificación do monte implican sostenibilidade e creación de emprego, por tanto un progreso económico e ecolóxico. Sin olvidarnos dun sector consolidado como o do metal, que precisa dun goberno máis comprometido e uns servizos municipais modernos e adaptados ás súas necesidades actuais.O terceiro sector, o turismo cultural e natural, aproveitando a nosa ubicación, o Camiño de Santiago e os nosos recursos naturais, como o Río Ulla, o monte, as Fervenzas, Pedra da Serpe, a Ruta da Camelia, etc; e aproveitando aos nosos persoeiros, como Carolina Otero, Ferro Couselo, Carmen Sierra, Padre Isorna, etc. .
-Manuel Castiñeiras. Sen dúbida, Valga é hoxe un concello dirixido a industria, con grandes empresas e empresarios que dan valor engadido ao noso concello e moitos postos de traballo; debemos apostar por dar apoio aos numerosos autónomos que montaron os seus talleres no concello e apostar por diversificar o sector industrial hoxe centrado no metal. Pretendemos impulsar o sector forestal chegando a acordos coas comunidades de montes, xa que son eles quenes coñecen o monte e como explotalo. Ademáis, cremos necesario apoiar e intensificar a presenza do sector primario , enfocado cara a produción agricola ecolóxica, hoxe con enorme demanda .
-Que é o mellor e que hai que mellorar en Valga?
-B. M. Os servizos e as infraestruturas das que dispón Valga e que son a envexa doutros concellos: saneamento, abastecemento, estradas, alumeado público e infraestruturas como o Centro de Día, unha Escola de Música con máis de 200 alumnos, un Centro de Saúde con gardas 24 horas, o Auditorio Municipal ou o CODI. Ningún outro concello da provincia dispón dun centro coma o CODI, por moito que lles pese ao PSOE de Valga e á Deputación de Pontevedra, que lle retirou todas as axudas económicas. Se por eles fora o CODI tería pechado e os usuarios e o persoal estarían nas súas casas.
-M. F.O mellor de Valga é o tecido asociativo, a súa xente. As diferentes asociacións culturais, deportivas e musicais que traballan e propagan a nosa cultura arredor de toda Galicia e inclusive fora dela, como a Banda de Música Municipal.Outra das súas potencialidades é a súa situación xeográfica estratéxica. O goberno popular sendo incapaz de aproveitar esta oportunidade converteu a Valga nun concello residual. Hoxe en día seguimos sen unha estratexia urbanística que permita o desarroio do noso concello. Valga ten que mellorar o urbanismo facendo un concello máis accesible, máis humanizado, con espazos de convivencia, ocio, deporte e descanso para as persoas. Crear vida social nas rúas.Temos que mellorar os servizos básicos no rural, o saneamento, a iluminación, a recollida de lixo, e garantir ós veciños e veciñas que residen no medio rural unha calidade de vida semellante á do urbano.Fronte a un dos retos ó que nos afrontamos, o envellecemento e a despoboación, temos que mellorar os servizos sociais destinados ós maiores. Nós incrementaremos o número de usuarios e as horas de atención do programa Axuda ao Fogar.
-M. C. O mellor de Valga son os seus veciños e veciñas, son o seu principal recurso e polos que temos que loitar, e acadar melloras no ámbito educativo, formativo, laboral e persoal, dotando ao noso concello de todo aquilo que precisen ao longo da súa vida, tentando sempre mellorar a súa calidade de vida. O mellor de Valga, é a democracia. A veciñanza de Valga, que está formada e preparada, polo que este equipo de VALGA VIVA, está formado por persoas libres que, a diferencia do PP de Valga, como o Alcalde dixo na radio municipal, que se non tiñamos integrantes para formar unha lista, nolos prestaba el. Non é necesario, xa que en Valga, somos persoas libres para ir nas listas electorais e non somos “palmeros”, como nos denomina o Sr. Bello Maneiro, ese é o respecto que ten pola democracia. Nós pensamos que cantas mais listas haxa mellor, porque así vanse defender mellor os intereses da veciñanza. Debemos mellorar a igualdade, a xustiza social, cambiando as formas caciquís que imperan na actualidade na Casa do Concello e que os nosos/as fillos/as, sobriños/as, netos/as…, en definitiva, a xuventude de Valga, non precisen pasar por Alcaldía ou falar co concelleiro/a de turno, que está desenvolvendo funcións de empregados/as públicos/as, e incluso atentando contra a privacidade das persoas; claro exemplo é que non nos parece lóxico, que unha concelleira reparta alimentos dentro do Departamento de Servizos Sociais.O peor que ten Valga é un goberno local anclado en políticas medievais, antidemocráticas e cercanas ao dereito de pernada, Valga Viva preséntase para acabar co caciquismo e o clientelismo de Maneiro. Queremos que os servizos e obras municipais se fagan segundo as necesidades e non favorecendo a determinadas persoas.
-Por que teñen que confiar en vostede os electores?
-B. M. Respectaremos a decisión que os veciños tomen o día 26 de maio sexa cal sexa. Pero o que non pode negarse é o traballo realizado durante esta lexislatura e, en xeral, nos últimos 28 anos. É un traballo que está á vista. Aínda que os máis mozos quizais non o valoren tanto, porque naceron despois de que se executaran moitas destas infraestruturas e enténdeno como algo normal, o certo é que o cambio experimentado por Valga nos últimos 28 anos é abismal. Antes había que ir ao instituto a Padrón e hoxe os nenos poden completar en Valga todo o ciclo educativo dende que nacen e ata que van á Universidade, por citar só un exemplo.
-M. F.Por dúas razóns fundamentais, porque fomos neste catro anos un equipo solvente, con proxecto e propostas, cercano ós colectivos e ás empresas e cercano ós problemas da xente. O que nos fixo ter un conocemento de Valga máis profundo para acadar o goberno municipal nestas eleccións. A segunda razón é porque dese traballo a pé de rúa creamos un proxecto de futuro e un programa de goberno realista, con 7 áreas de traballo e 50+1 propostas para levar a Valga á vangarda dos concellos rurais.
-M. C. O noso grupo é garantía de transparencia, partimos dun código de boas prácticas políticas e bo goberno local, da elaboración dun presuposto municipal participativo no que se terán en conta as achegas dos cidadáns, creación de ordenanzas para levar a cabo unha xestión municipal eficiente e eficaz, a posta en funcionamento dun plan de mobilidade que facilite o transporte polo concello e incorporarnos á área metropolitana de Santiago de Compostela, garantir a seguridade ampliando a plantilla de policías locais. A confianza nesta lista é que vaian persoas novas en política, que traballaron en colectivos sociais e moitos xóvenes que petaron na mesa e que queren un pobo vivo.Pero sobre todo, os electores poden e deben decidir entre o clientelismo e a corrupción como forma de goberno fronte a radicalidade democrática coa que pretendemos gobernar dende Valga Viva.
-Cal é o piar do seu programa electoral?
-B. M. Seguir ofrecendo benestar e xerando oportunidades para os veciños de Valga. Somos un goberno crible, serio, sensato, responsable, con dedicación plena ao Concello, que ofrecemos atención personalizada aos veciños e que non necesitamos de pactos e prebendas para poder levar a cabo o noso proxecto. A boa xestión está aí. A liquidación do exercicio 2018 volveu a ofrecer un resultado positivo cun superávit de máis de 300.000 euros. Demóstrase así que se poden facer cousas sen necesidade de endebedar o Concello e sen incrementar a presión fiscal aos veciños. Nin o PSOE nin as Mareas poden ofrecer baixar os impostos en Valga porque xa os temos no mínimo.
-M. F. O piar fundamental son as persoas, os nosos veciños e veciñas. A partir de aí creouse un programa electoral que, de xeito transversal, aposta pola mellora da calidade de vida das persoas. Un programa en igualdade, transparente, ecolóxico, participativo e comprometido cos retos que nos toca afrontar como concello rural no século XXI.
-M. C. O piar fundamental é a loita contra a corrupción e lograr unha total transparencia na xestión municipal, non permitindo que concelleiras que na actualidade teñen unha dedicación exclusiva, estiveran contratadas por empresas que facturaban para o concello ou cobren pola asistencia a comisións de coordinación, que se celebraban cada luns , reunións dun grupo de concelleiros/as do PP, consideramos que é ilegal, que debería estar formadas por representantes de todos os grupos políticos e cun funcionario/a como secretario que se encargue de levantar acta dos temas que se tratan. Esa é unha autentica comisión de coordinación e o Alcalde sabe que é así. Queremos que cada veciño/a, saiba onde se inviste cada céntimo. Que as viaxes, reunión de carácter político que se fan ás diferentes administracións públicas, teñan un programa e formen parte dun proxecto. Que as dietas que se cobran, se xustifiquen coas xestións realizadas. Que se fagan concursos e procedementos abertos á cidadanía. Por exemplo, algo que nos parece unha mala praxis, e que a cafetería do Auditorio Municipal non saíu a licitación pública, cando hai un ano que o anterior concesionario a deixou en mans doutra persoa e non se sabe cal foi o procedemento para realizar dito cambeiro, a día de hoxe, a cafetería non abre pola mañá e pensamos que non cumpre os requisitos dun servizo público. O noso programa está elaborado coas inquedanzas, necesidades e desexos que nos trasladaron as persoas de Valga, que nos transmitiron o que deberíamos facer para realizar un cambio en Valga e poder acadar pon fin unha VALGA VIVA.Centramonos na IGUALDADE, na DEMOCRACIA, na defensa do entorno, na necesaria promoción cultaral para todos e todas, na mellora dos servicios sociais, e na necesidade de eliminar as discriminacións nun concello, onde ata ahora os servizos e actividades repártense segundo o nivel de afinidade co goberno. Queremos rachar co pasado e dinamizar un concello que ten un enorme potencial, paralizado polas formas caciquís de quen pensa no concello como na súa finca particular.