Promotora do pole dance na súa academia de Ribadumia, Eva Lede vén de gañar a súa primeira competición mentres ensina a disciplina a case un cento de alumnos
26 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O sábado pasado, a Eva Lede Reboredo (Meis, 34 anos) debuxóuselle un sorriso de orella a orella, deses que acompañan as grandes fotografías de toda unha vida. O xurado do Revolution Pole Spain Championship de Toledo premiábaa como campioa da modalidade de exotic da competición de pole dance, a disciplina que Lede practica desde hai nove anos e que leva ensinando os últimos oito en Chassé Centro Artístico, a academia que rexenta en Ribadumia e na que oferta tamén desde ballet e pilates ata capoeira.
Subida a unha barra vertical, na que desprega toda unha variedade de movementos e de exercicios combinados de forza, de flexibilidade e de resistencia entrelazados nunha coreografía que conta un relato envolto por un fondo musical. O pole dance non é considerado inda, lamenta Eva, un deporte, pero ninguén poderá negar que reúne todos os elementos asociados para ser tratado como tal, con certas semellanzas coa ximnasia.
A meisina residente en Ribadumia sinala que o pole sport, unha das modalidades troncais da súa disciplina, parte do mallakhamb, un deporte da India no que os ximnastas realizan posturas de ioga aéreo e de ximnasia nunha barra vertical fixa. A modalidade exotic na que se especializou bebe en cambio da tradición dos clubs eróticos, comenta Lede, aclarando que, máis aló do detalle de ter que actuar con zapatos de tacón de non menos de 20 centímetros, o pole dance está limpo das escuras connotacións asociadas a dito tipo de establecementos, e que o que fai quen o practica, tanto homes coma mulleres, vai máis aló a nivel de esixencia física e técnica. Con todo, para comezar «nin tes que ter moita forza, nin moita flexibilidade, nin moita resistencia; todo iso valo gañar a medida que practicas e adestras», declara a propietaria de Chassé Centro Artístico.
Só sendo todo o anterior así se explica que Eva Lede conte con preto dun cento de alumnos entre os diferentes grupos de pole dance da súa academia, con idades desde os 7 anos, a máis nova, ata os 56, a máis veterana.
A porta de entrada á que hoxe é a súa paixón atopouna a arousá nove anos atrás no Gothic Circus School de Pontevedra: «Alí ensinaban varios tipos de modalidades acrobáticas relacionadas co circo: teas, aro, pole... Comecei con teas aéreas, pero vin que había pole dance, probeino, e gustoume». Xa á fronte da súa propia academia, fixo as súas primeiras incursións no mundo da competición no 2019, pero a irrupción do covid-19, primeiro, e a súa primeira maternidade, despois, abriu unha paréntese que Eva Lede pechou o pasado mes de febreiro. Foi entón cando se lanzou a participar no Exotic Generation de Marbella, un dos campionatos que se organizan por diferentes puntos da xeografía española a falta dunha federación oficial pola que, apunta a directora de Chassé Centro Artístico, están a pelexar persoas que practican o pole dance e que, coma ela, defenden que sexa recoñecido coma un deporte.
O cuarto posto na cidade andaluza animou a Eva Lede a continuar enfocando a súa preparación de cara a novos eventos. Desde o verán, acompañada na empresa por tres das súas alumnas, Ester Domínguez, Laura Otero e Nuria Agra. Xuntas acudiron á Exotic Dynasty de Barcelona, o 1 de novembro, e á Revolution Pole Spain Championship na localidade toledana de Torrijos. A mestra finalizou na capital catalá subcampioa na modalidade Exotic Professional Theatre, que esixe traballar con maior detalle unha historia e o seu personaxe —escolleu facer de Úrsula, a malvada bruxa de A Sereíña—, gañando en terras de Toledo nunha cita na que competían mesturadas as catro modalidades do pola dance exotic: theatre, flow, hard e old school.
«Estouno desfrutando», di Eva Lede. E unha vez lanzada á competición, pretende seguir facéndoo en paralelo ao seu labor de profeta subida a unha barra vertical: «Quero que a xente se anime máis a competir, que se vexa que o pole dance é un deporte e que se recoñeza como tal. E que as Administracións axuden á súa práctica». Porque, advirte a arousá, poder competir resulta caro, tanto polos gastos para desprazarse ás competicións, todas fóra de Galicia, como polo vestiario, un elemento atendido tamén na valoración dos xurados de pole dance.