Ribadumia abre o 25-N baixo o lema «Por min e por todas as miñas compañeiras»

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

O Concello programa unha decena de accións fronte a violencia contra as mulleres ao longo de novembro

04 nov 2025 . Actualizado a las 21:05 h.

Co lazo azul presidindo dende o venres pasado o balcón da Casa Consistorial, o Concello de Ribadumia programa ao longo de novembro una decena de accións vinculadas ao 25-N, xornada na que se conmemora o Día Internacional da Erradicación da Violencia contra as Mulleres. Nesta ocasión, o lema empregado polo municipio arousán é o dun coñecido xogo: «Por min e por todas as miñas compañeiras».

A programación comeza hoxe, 4 de novembro, co obradoiro de teatro Os marcos movémolos nós. Repetirase cada martes, na Casa da Cultura, entre as 17 e as 19 horas.

O 6 de novembro vaise propoñer ao pleno a creación da Mesa Local de Coordinación Interdisciplinar fronte a Violencia de Xénero.

O 10 de novembro, ás 18.30 horas, no patio interior de Exposalnés, Belén Rubido diserta sobre a violencia vicaria, convidada polo Centro de Información á Muller do Salnés.

O 12 de novembro, ás 11.30, o auditorio municipal acolle o obradoiro Espellos íntimos.

O 13 de novembro, proxección no auditorio da película As neves. Dirixida ao alumnado do CPI Julia Malvar.

O 14 de novembro, de mañá, haberá unha xornada de formación en igualdade e diversidade, dirixida ao persoal municipal de Ribadumia.

O 20 de novembro, na Casa do Concello, terá lugar a presentación do protocolo contra a violencia de xénero.

O 21 de novembro, tamén dirixido ao alumnado do Julia Becerra Malvar, o Centro da Información á Muller impartirá un obradoiro sobre acoso e ciberacoso.

O 26 de novembro, a praza do Concello será escenario da lectura do manifesto institucional do 25-N. A cita é ás doce do mediodía.

O xoves, 27 de novembro, a actividade central trasládase á aula de formación do patio interior de Exposalnés. Trátase dunha charla sobre os 20 anos da promulgación da Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero. A cargo de Paula Cajaraville, a sesión comezará ás 18.30 horas.

Por último, e como derradeira acción, o Concello de Ribadumia enmarca no 25-N a oitava edición da súa Festa do Deporte. Desenvolverase no auditorio municipal a partir das seis da tarde.