A biker meca rematou cuarta nas dúas últimas probas da Taça de Portugal de Maratón
28 sep 2017 . Actualizado a las 13:42 h.Cando o pasado 12 de marzo coñecía a gravidade da súa lesión na primeira das cinco probas da Taça de Portugal de XCO, a modalidade de rali de BTT, Lara Lois declaraba a súa confianza en «poder correr algunha das últimas probas do calendario portugués». A biker grovense do equipo luso ProRebordosa voltaba a casa coa cabeza do húmero do seu brazo dereito fracturado por varias partes. Tras case cinco meses no dique seco, logo dunha primeira fase de inmobilización da extremidade lesionada e o posterior traballo de rehabilitación preciso, a campioa da Transgalaica e do Open de Galicia de XCO o ano anterior materializaba o desexo que lanzaba ao aire aquel 12 de marzo. E raiando a un enorme nivel.
Sen o fondo idóneo, nunha disciplina tan esixente coma a XCM, a modalidade de longa distancia do BTT, Lara Lois voltaba á competición o 30 de xullo, encadeando dous cuartos postos nas dúas últimas probas da correspondente Taça de Portugal. Na Maratona XCM de Seia. E o pasado domingo, no Azores World Marathon Series, proba esta puntuable para as UCI World Series, con competidoras de Inglaterra, de Francia e de Estonia ademais de portuguesas e galegas.
Coa alta médica recén recibida, e con mes e medio inda de rehabilitación por diante, a ciclista arousá acudíu á maratón de Seia, explica, «a coller sensacións; e atopouse atrapando a terceira biker na cabeza de carreira no derradeiro treito do trazado. Finalmente Lois foi superada, rematando a tan só 17 segundos de subir o podio. «Faltábanme quilómetros, pero fun ben de sensacións, sen notar molestias no ombreiro», conta.
Tras acudir o 8 e 9 de setembro con tres amigas á Epic Race de Pontevedra, unha proba por relevos con 550 quilómetros por diante en 48 horas de competición, que disputou «por diversión», a pasada fin de semana a Azores World Marathon Series acabou de convencer a Lara Lois de que a lesión de marzo é cousa do pasado. «Foi unha carreira bastante máis esixente, con competidoras internacionas. Rematar con boas sensacións era o importante. Logo dunha tempada tan curta e aparatosa era o máis importante». E así foi, di a meca.
Duatlón cross para comezar
Pechado o curso 2017, Lara Lois comeza a pensar xa nun 2018 no que agarda resarcirse ben. Comezando por tentar conquistar oficialmente o título do Circuito Galego de Duatlón Cross. O mesmo que xa gañou este ano, pero sen o recoñecemento da Federación Galega de Triatlón por mor dun problema de papeleo coa súa licenza.
O duatlón cross voltará servirlle á arousá para rematar de afinar o seu traballo de preparación invernal para a vindeira tempada de BTT. A súa gran dúbida nestes momentos é saber se seguirá no ProRebordosa, ou ben acepta a oferta sobre a súa mesa dun equipo hispano. Do que decida sairá un calendario orientado cara ao país veciño, ou cara a España.