Pickleball: o fenómeno deportivo nun pequeno concello que engancha ata a súa alcaldesa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

Imagen del Torneo de Reis organizado en Meis el año pasado.
Imagen del Torneo de Reis organizado en Meis el año pasado. MONICA IRAGO

Tras a visita dunha delegación estadounidense hai pouco máis de dous anos, Meis conta con tres ducias de adultos e 30 rapaces practicando xa o peculiar deporte

27 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Recordaba onte a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez (PSOE), a visita que unha delegación de deportistas de pickleball dos Estados Unidos fixera ao concello dous anos e medio antes, na devolución da viaxe que con anterioridade realizaran practicantes galegos ao país americano. «Quen me ía dicir cando nos foron visitar e pensaba que c. é isto que dous meses despois estaría xogando eu ao pickleball?» reflexiona Giráldez cunha mestura de humor e un chisco de incredulidade resistente ao furor que está a causar outro deses inventos made in USA na súa localidade. 

Aquela visita, resposta á petición dun profesor xubilado do colexio de Mosteiro que formaba parte dese grupo de galegos que tan boas migallas fixeran con xentes do outro lado do gran charco, foi a faísca que prendeu o estalido dun inesperado fenómeno nun pequeno concello de menos de cinco mil habitantes. Iso e descubrir que o presidente do Club Pickleball Pontevedra tiña sede en Meis e que o seu presidente, Rafa Pazos, tiña residencia no municipio foi case un, dando pé ao que veu despois.

Inventado en 1964 nos Estados Unidos, país no que está a experimentar un grande auxe, con varios extenistas profesionais de primeiro nivel entre os seus practicantes, o pickleball foi incorporado a modo de proba no catálogo de actividades ofertadas polo Concello. «Empezaron dúas persoas, a terceira fun eu, e acabamos sendo sete no grupo, seis mulleres e un home», conta a alcaldesa. Iso, a temporada pasada. Nesta, explica, «apuntáronse 30 nenos e creouse un segundo grupo de adultos, con seis persoas máis, e con lista de agarda» dada a limitación de espazo e de tempos.

Ademais, explica o rexedora, os xogadores do Club Pickleball Pontevedra adestran no pavillón de Meis os venres. Fano abríndolles a participación aos alumnos do curso municipal, con partidos e ligas por parellas, usando catro pistas nas que gozan dun deporte que o presidente da Federación Galega de Tenis, Pepe Mosquera, definiu no seu día coma «tenis de mesa no chan e remate e volea de tenis, nun campo do tamaño do da práctica de bádminton». Unha estraña amalgama que cativou a Giráldez: «Fun probar un par de veces, e gustoume. É un deporte fácil, que pode practicar xente de todas as idades. Ás veces xogo con persoas de máis de 60 anos que me dan mil voltas. E gústame moito ver a xente moza xogar con xente maior», nunha actividade que facilita o encontro entre moi diferentes xeracións, di.

O labor de Rafa Pazos á fronte do Club Pickleball Pontevedra resultou crucial neste fenómeno. «Temos escola en Meis e en Pontevedra, pero na de Meis é onde máis rapaces hai», por varios motivos, subliña Pazos. Que preto dun terzo dos socios do club sexan de Meis axudou a facer proselitismo; como tamén o fixeron o primeiro Torneo de Reis, con arredor dun cento de participantes, elevado este ano ata os 120, algún vido mesmo de Portugal. E logo, di Pazos, «a instalación municipal é moi boa», ideal para atraer rapaces cara un deporte que, sinala, «é moi sinxelo e cunha curva de aprendizaxe moi rápida». De aí que Meis fose elixido para albergar a finais do vindeiro mes a primeira edición do Campionato Galego por Equipos de Pickleball. 

Construción dunha pista

O deputado provincial Javier Tourís anunciou onte en Meis, a carón da alcaldesa, que a xunta de goberno da Deputación aprobará este venres o investimento de 104.572 euros para a construción dunha pista de pickleball e outra de pádel na contorna do pavillón de deportes de Mosteiro.