Brigadas teatrais, a experiencia de arte con conciencia que medra en Catoira

r.e. CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Un feixe de persoas voluntarias reúnese para dar forma teatral ás boas causas

14 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non teñen nin papeis nin compromisos. Non lles fan falla: as Brigadas Teatrais de Catoira xurdiron do amor dun feixe de veciños e veciñas desta vila pola interpretación, e mantéñense vivas grazas a ese mesmo afecto. Explícao Tero Rodríguez, unha das ideólogas desta curiosa iniciativa nacida a carón do Ulla. «Non somos unha compañía, nen sequera un grupo. Somos xente que cando fai falla, nos reunimos para desenvolver accións de tipo social», explica unha muller que leva toda a vida facendo teatro. Ela é de Catoira, e durante un tempo dirixiu a escola municipal de teatro da localidade. «Aí coñeces xentes, créanse relacións, lazos...». O caso é que no ano 2022, Os Quinquilláns —o grupo do que forma parte Tero xunto con Lucho Penabae— foron convidados pola Deputación de Pontevedra para representar, nas rúas da cidade do Lérez, varias escenas da represión franquista. «Nós dirixiamos a un grupo de xente afeccionada ao teatro. A maior parte eran de Pontevedra, pero como tiñamos relación con Catoira, acabou uníndose un grupo de alí. E a experiencia foi moi boa», conta Tero.

Facer teatro a pé de rúa, actuando ao carón da xente que camiña polas vilas e cidades, debe de ter algo de aditivo. Porque aquela experiencia foi unha semente. «A segunda vez que nos reunimos foi por chamada do colectivo Feministas de Catoira». E de aí, ao Culturgal, onde a acción dos actores e actrices voluntarias foi solicitada para darlle vida a uns preciosos deseños da ceramista Mar Barral. E logo chegou a participación no Banquete de Conxo, na Romaría dos Lombos do Ulla que se celebra en Bamio... «Sempre son eventos que teñen algún tipo de carácter social: igualdade, xustiza social, ecoloxía... E en cada un participa a xente que pode nese momento, non somos sempre os mesmos», explica Rodríguez.

A representación da aldea da Baiuca encheu á aldea de xente.
concello Catoira

A memoria histórica foi a causa que volveu reunir este mes de xaneiro ás Brigadas Teatrais de Catoira, que desenvolveron na aldea da Baiuca, unha peza centrada nun mitin ofrecido por Castelao na vila viquinga nos anos trinta. Investigando para elaborar o texto, deu Tero coa figura de Alejandro Pérez. Foi un descubrimento sorprendente. «Eu son da Baiuca e durante toda a miña vida escoitei que por alí non houbera represión. E de repente resulta que nunha casa alí ao lado vivira un home que estivo condenado a morte e que acabou tendo que exiliarse para salvar a súa vida». Aquel veciño descoñecido acabou converténdose nunha figura central da representación, que quixo ser unha homenaxe á intelectualidade galeguista, pero tamén á veciñanza de Catoira, a Alejandro e a todas as mulleres que no seu día escoitaron o mitin dende as fiestras das súas casas e que viron como as súas esperanzas de liberdade morrían na Guerra Civil. «Foi unha experiencia emocionante. E veu moitísima xente a ver unha acción que ten que ver coa Memoria Histórica. Daba gusto ver a aldea así, tan chea de vida», conta Tero.

Anda xa a responsable deste experimento cultural a pensar na vindeira cita das Brigadas Teatrais de Catoira, que podería ter unha protagonista ben curiosa: a parcelaria. Ese proceso de ordenamento do territorio rural iniciouse en Catoira hai 26 anos, abrindo un tempo de esperanzas e de posibilidades. «Pero seguimos igual. As esperanzas pasaron, as posibilidades pasaron e mesmo moita da xente que daquela confiaba no proceso xa non está», conta Tero, que viviu a experiencia en carne propia.

Integrantes das Brigadas durante o Culturgal, desfilando con pezas de Mar Barral.
Integrantes das Brigadas durante o Culturgal, desfilando con pezas de Mar Barral. Concello de Catoira

Un proxecto que axuda a crear comunidade e no que todo o mundo ten cabida

As Brigadas Teatrais non teñen consideración nin de asociación, nin de colectivo, nin de nada que se lle asemelle. Simplemente é xente que, cando considera que hai que reunirse para facer teatro, reúnese. Pode ser por unha causa ecoloxista, feminista, de xustiza social...

E para falar de todas esas cuestións, xente de todas as idades. «A persoa máis nova que interveu nas nosas montaxes era unha bebé», conta Tero. As de máis idade pasan dos setenta anos, malia que o seu espírito segue a ser novo e combativo. «Esa mestura de idades é moi importante, moi enriquecedora», conta a responsable do proxecto, que destaca o ambiente de coidado mutuo que se establece entre quen forma cada brigada, o cariño co que se tratan os uns aos outros. «As veces imos ver teatro xuntos, coma se fosemos un club de lectura, só que no noso caso en vez de libros, compartimos obras».

Así que, en resumidas contas, as Brigadas Teatrais de Catoira son unha forma de crear comunidade, de tender pontes. E de incluír: nas actuacións interveñen cando poden persoas con discapacidades. É o caso, por exemplo, do actor que fixo de Castelao na actuación da Baiuca. «Ten problemas de visión que lle dificultan moito ler e, polo tanto, aprenderse os papeis. Pero el faino, e ben merece un recoñecemento por ese esforzo», conta, coa voz chea de orgullo, Rodríguez.