Memoria e teatro en Catoira: as brigadas teatrais reviviron a visita de Castelao á vila viquinga no ano 1932

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Un momento da representación teatral desenvolvida na Baiuca.
Un momento da representación teatral desenvolvida na Baiuca. concello Catoira

O acto, que se desenvolveu o domingo, reuniu a unha importante cantidade de público na Baiuca

27 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un bo feixe de persoas acudiron este domingo, en Catoira, a unha representación teatral moi especial. Da man das Brigadas Teatrais da vila, no entorno do cruceiro da Baiuca, reviviuse a visita que no ano 1932, Castelao fixo a Catoira para dar un mitin sobre a autonomía. A súa voz estivo acompañada, daquela, pola de la Fernández del Riego e Plácido Castro. E canda a deles, a de Alejandro Pérez, un dirixente local que «sementou o xermolo do galeguismo no municipio», segundo recordou o Concello viquingo, administración que quixo sumarse aos actos do Ano Castelao deste xeito: lembrando ao gran político galeguista e lembrando tamén a figuras menos coñecidas, como a do seu veciño Alejandro Pérez, que resultaron fundamentais.

«O discurso de Castelao na nosa vila produciuse nun momento chave na defensa dos intereses do noso país. Lembrar ese evento é poñer de manifesto a relevancia da súa figura, que nos empoderou como pobo naquel momento, e que tamén é inspiración para a actividade política actual», apuntaba a finais da pasada semana o rexedor, Xoán Castaño (BNG). Naquel momento, a intervención do rianxeiro tivo unha gran repercusión. Os xornais recolleron o evento, destacando o entusiasmo que espertaron as verbas do escritor de Rianxo entre os labregos que o escoitaban. Citaban as crónicas o momento no que sinalou que a autonomía non era un fin, senón un medio co que loitar para conseguir unha mellora material e espiritual do pobo.

«Foi moi numerosa a veciñanza que se reuniu nesta aldea da Baiuca para render unha fermosa homenaxe a Castelao, chea de sensibilidade e compromiso cultural, poñendo en valor a nosa memoria histórica», sinalaba onte o Concello. Nunha pausa do mal tempo, o acto desenvolveuse con normalidade, aproveitando espazos que formaban parte do día a día de Alejandro Pérez, quen foi vítima da represión franquista máis atroz. Recordar a súa memoria e a de todas as vítimas era outro dos obxectivos cumpridos con esta representación na rúa.