Portos de Galicia tramita cargadores para vehículos eléctricos en Cambados
SOMOS MAR
O ente autonómico traballa nunha autorización administrativa para dispoñer dunha área específica na rada arousá
28 dic 2025 . Actualizado a las 10:45 h.Portos de Galicia, ente adscrito á Consellería do Mar, está a xestionar a instalación de cargadores para vehículos eléctricos en catro portos de titularidade autonómica nas rías de Arousa e de Pontevedra. No de Cambados, no caso da primeira, e mais nos de Portonovo, de Combarro e de Pontevedra cidade.
Con tal fin, o ente autonómico está a tramitar unha autorización administrativa a favor da empresa Iberdrola, que será a encargada de materializar a infraestrutura correspondente e de asegurarlle o subministro enerxético. A concesión que impulsa Portos de Galicia permitirá a colocación de cargadores, de cadros de baixa tensión e dunha liña soterrada para abastecer os surtidores. En paralelo, habilitaránse as prazas de aparcadoiro asociadas aos puntos de recarga eléctrica, que serán reservadas especificamente para o aproveitamento deste novo futuro servizo portuario.
Iberdrola contará coa concesión destas áreas de recarga para vehículos eléctricos nos portos de Cambados, de Portonovo, de Combarro e de Pontevedra durante 5 anos, con posibilidade de recibir unha prórroga por outros 2,5 máis.
Desde Portos de Galicia saliéntase que a iniciativa contribuirá ao aproveitamento do dominio público portuario para instalacións de enerxías renovables e o seu fomento entre os usuarios das radas de titularidade autonómica, dentro dos obxectivos da estratexia Economía Azul de Galicia 2024-2027.