A asociación de Amigos de Fefiñáns estréase cun ciclo de música barroca

e. pérez / b. C. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Elisa Pérez

A historiadora cambadesa Maribel Iglesias preside o colectivo

06 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A agrupación cultural presidida pola investigadora cambadesa Maribel Iglesias comeza a súa actividade os días 22, 23 e 24 de agosto con tres concertos de música barroca, que terán lugar no pazo de Fefiñáns ás 21 horas.

A asociación de Amigos de Fefiñáns inicia así o seu programa cultural de actividades, co que pretende mostrar ao público a importancia do patrimonio histórico de Cambados. O desexo de analizar os arquivos almacenados no pazo de Fefiñáns para estudar as circunstancias da época na que se construíu levou a Iglesias a propoñer aos donos do pazo a creación dun colectivo cultural para dixitalizar os documentos atopados, e así posibilitar o seu acceso público.

Boletín semestral

A asociación sen ánimo de lucro publicará estes documentos en diferentes números do boletín semestral

O Umia

, que poderán adquirir os socios que se inscriban na agrupación. Os beneficiarios desta subscrición deberán aboar unha cantidade máxima de trinta euros ao ano - poden pagar menos dependendo da súa capacidade económica-, e terán a posibilidade de participar nunha visita gratuíta ao pazo, así como entradas de balde para os concertos musicais que vaia celebrando a asociación.

Aínda que a única cita programada para este verán é o ciclo de concertos barrocos, desde Amigos de Fefiñáns buscan divulgar o valor natural e artístico do pazo de Fefiñáns e o seu contorno a través de conferencias de distintos expertos, exposicións, visitas guiadas e actividades para que os nenos aprendan a valorar o patrimonio da súa localidade.

Os concertos barrocos que se realizarán en agosto contan coa colaboración da Fundación Vicente Risco e estarán protagonizados pola música de tres grupos de cámara. O xoves 22 de agosto actuarán os galegos Ensemble Hotetterre, e o encargado de amenizar a noite do venres será o portugués Bando do Surunyo. O sábado 24, o Concerto das Donas tocará música italiana do século XVI.