A Illa acollerá o sábado unha xornada sobre a xestión sostible dos montes en man común
A ILLA DE AROUSA
O encontro contará cun servizo de conciliación para facilitar a participación da cidadanía
09 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A cita é o sábado, 13 de decembro, no auditorio municipal da Illa de Arousa, de man da asociación Arousa en Transición e Alalá Coop. Trátase dun encontro que versará encol do presente e o futuro dos montes en man común, unha antiga figura de propiedade e xestión colectiva en Galicia.
A sesión materializarase nunha mesa redonda para dar visibilidade os labores fundamentais que as comunidades levan a cabo, abordando os retos que se abren nun contexto marcado pola emerxencia tanto climática coma social.
A directiva da comunidade de montes da Illa compartirá a súa historia, os traballos realizados e as características dos montes do municipio arousán, co obxectivo de informar á veciñanza.
Neste empeño, a organización contará coa colaboración de varios convidados, que compartirán as súas experiencias e proxectos inspiradores de xestión sostible, multifuncionalidade do monte e novas formas de gobernanza enmarcadas na crise ecosocial que todo o abrangue. Así, e ademais de Manolo Iglesias coma secretario da comunidade da Illa, intervirán no auditorio Antón, da comunidade de montes de Couso, Iolanda, da comunidade de montes de Tameiga, e Joan Evans pola Fundación Monte Escola.
A actividade, que comezará ás 10.45 horas, contará cun servizo de conciliación no segundo andar do auditorio.