Escoitar non é o mesmo que oír

Jorge Olleros

AROUSA

MONICA IRAGO

Isto non vai de estar a favor ou en contra por sistema. Vai de responder ás preguntas que se formulan, sexan moitas ou poucas as persoas afectadas

18 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ataxa turística no Grove pode implantarse agora ou máis adiante; iso dependerá do destino e de quen teña a responsabilidade. Non é aí onde quero determe.

O que me interesa é outra cousa: como debatimos. E como, unha e outra vez, confundimos escoitar con oír.

Se boto a vista atrás, a historia turística do concello —polo menos desde que eu teño memoria— estivo marcada por debates de calado. Sen entrar a xulgar se cada proposta era boa ou mala, repítese unha pauta: cando un sector formula dúbidas, o debate non baixa ao detalle das respostas que se piden. A decisión, moitas veces, xa vén tomada de antes.

A hostalaría, sen necesariamente opoñerse de raíz, expuña preguntas técnicas e prácticas. E o poder político, coa decisión encamiñada, non sempre entraba nelas. Ás veces esas preguntas estarán mellor formuladas e outras peor, ou incluso poderán estar equivocadas; pero contestalas —con datos, razóns e alternativas— é parte esencial do proceso.

Ocorreu coa Festa do Marisco fóra do concello. Ocorreu co campo de golf do monte central. Ocorreu coa reconversión do antigo sanatorio da Lanzada. Non os cito para dicir se foron propostas acertadas ou non, senón como lembranza de momentos nos que a hostalaría entrou no debate e puxo preguntas enriba da mesa. E, con honestidade, o proceso non baixou ao detalle do que se pedía responder.

Hoxe súmase un novo episodio: a taxa turística.

E convén dicilo claro: isto non vai de estar a favor ou en contra por sistema. Vai de responder ás preguntas que se formulan, sexan moitas ou poucas as persoas afectadas.

Se responder dá preguiza, propoño un exercicio sinxelo de empatía. Imaxinemos unha taxa local de 2 euros por comensal nos restaurantes. Ou 2 euros por cada compra no supermercado, para financiar servizos locais. En canto nos toca de preto, todos preguntamos: por que, para que, quen a xestiona, como se controla, se é xusta, se hai alternativas. Non por estar en contra de contribuír, senón porque a cabeza pide explicacións. Iso é precisamente o que se está pedindo aquí.

E non só por respecto a quen pregunta. Entrar no razoamento, mesmo cando non se comparte a proposta, serve tamén aos propios propoñentes: axuda a mellorala, a acoutala e a explicala mellor. Ás veces incluso leva a alternativas máis eficaces.

A lección é sinxela: escoitar non é oír e seguir igual. Escoitar é responder e, se fai falta, reformular.

Coidar o debate

E un corolario final: este texto non se dirixe a ninguén en particular. É un chamamento a coidar o xeito no que debatemos as cousas que nos afectan. Tamén quen o escribe pode equivocarse. Pero precisamente por iso convén soster unha idea básica: se falamos, respondamos; e se escoitamos, fagámolo de verdade. Ás veces non fará falta estar de acordo; abonda con ter atendido, explicado e, se procede, replantexado. Con iso, para comezar, xa gañaríamos moito.