O tribunal non entrou a xulgar se os feitos denunciados son constituíntes de acoso laboral, por non considerarse competente
14 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A resolución do proceso xudicial produto da demanda por acoso laboral do ex xefe da Policía Local da Arousa, Miguel Ángel Varela, contra o Concello da Illa e o rexedor Luis Arosa, emitida polo xulgado do social nº 3 de Pontevedra, concluíu coa obriga do Concello de pagar 8.000 euros a Varela en concepto de indemnización por danos e prexuízos. O motivo é que o tribunal considera probado que non se adoptaron as medidas de prevención de riscos laborais, ao non activar o Concello os protocolos antiacoso demandados no seu momento por parte do traballador. Lonxe de ser absolto, os feitos polos que Varela acusaba a Arosa non foron xulgados polo tribunal por non considerarse este competente na materia, informa o demandante.
O alcalde arousán manifestaba o mércores a súa absolución da acusación de acoso laboral. Varela, pola súa parte, nega tal conclusión, indicando que o tribunal en ningún momento entrou a valorar a actuación do daquela concelleiro de Tráfico da localidade. Varela cre que as palabras de Arosa responden a «mala fe ou unha interpretación deficiente da sentencia».