O Sigaltec CLB pelexa devolver a comarca ao baloncesto masculino nacional

AROUSA

O equipo asume o cartel de favorito na fase de ascenso á EBA de Vilagarcía
24 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O baloncesto masculino de Vilagarcía de Arousa pelexa esta fin de semana por regresar á estrutura de competicións nacionais 16 anos despois. O Sigaltec CLB, herdeiro daquel mítico Inelga BBC que tantas alegrías lle regalou á súa afección ata o punto de coquetear co salto ao baloncesto profesional, exerce de anfitrión da fase final a catro da Primeira División Masculina Galega. En xogo, un pasaporte directo á Tercera FEB, a antiga EBA na que militara o Inelga BBC, e como mal menor, un segundo posto con dereito a disputar, en sete días, un dos dous billetes de ascenso cos perdedores das finais autonómicas de Euskadi e de Castela-León.
«Imos partir de favoritos» ante os outros tres equipos en lid, asume o adestrador do Sigaltec CLB e gran artífice de que o conxunto vilagarcián estea na posición privilexiada na que se atopa neste momento, Luis Gabín. Favorito por tres motivos: ter sido o mellor equipo das dúas fases da competición regular, cun balance de 20 vitorias por tan só 2 derrotas, ser o anfitrión e, por ende, dispoñer do maior favor das bancadas do Pavillón Municipal Sara Gómez; e pola experiencia.
Pese á mocidade do seu cadro de xogadores, entre os 18 e os 23 anos na súa inmensa maioría co incombustible Gus Andújar e as súas 46 primaveras como grande excepción, o Sigaltec CLB chega no punto exacto de madurez. O seu aval, catro fases de ascenso consecutivas, con sete dos integrantes do equipo acumulando dúas ou máis nos seus expedientes. «Cando pasas a unha final de primeiro tes maior responsabilidade, e para nós, xogar na nosa casa, co pavillón cheo de xente e ambientado para a ocasión, é unha oportunidade moi boa», declara Luis Gabín.
Onde outros poden ver un extra de presión sobre os seus homes, o técnico vilagarcián ve un plus. Precisamente, por esa veteranía adquirida nestes catro últimos anos e, sobre todo, pola experiencia do ano pasado na fase de Betanzos. Alí, recorda Gabín, «fomos co bus dos rapaces cheo con familiares e outro máis con afeccionados, e saímos xogar un pouquiño temerosos pola responsabilidade desta xente que nos acompañara, porque non estabamos acostumados. Agora penso que vai ser diferente». E iso, tamén, por como foi crecendo o seguimento ao Sigaltec CLB esta temporada, na que os homes de Luis Gabín se afixeron a ver da orde duns 250 seareiros animándoos nos seus partidos coma locais.
Dito o anterior, o adestrador do conxunto anfitrión deixa claro que conseguir o gran premio será todo agás un camiño de rosas. Comezando pola perda do á-pívot Óscar Otero hai un par de semanas por razóns laborais, sumándose á baixa de longa duración, desde a terceira xornada de Liga, do aleiro Borja López, o primeiro de 27 anos e o segundo de 32, coa súa consecuente veteranía.
Logo está a dificultade de superar o primeiro atranco polo ascenso (hoxe, 20 horas), un Costa Ártabra de Ferrol que, ao contrario cos outros tres aspirantes no parqué do Sara Gómez, conta cun cadro de xogadores notablemente máis experimentado; algúns, con traxectoria EBA. É o caso do base Ismael González e do aleiro Alejandro Rivas. «Ferrol basea moito o seu xogo na capacidade destes dous xogadores para conseguir vantaxes co seu un para un e xogo de bloqueo directo». Gabín recorda que o Sigaltec gañou os seus dous partidos da segunda fase do campionato regular, pero que nun ao Costa Ártabra lle faltou Ismael González e no segundo xogou practicamente sen efectivos dispoñibles na pintura. «Pechan e colapsan moi ben os espazos interiores, pero dan bastante liberdade para o tiro exterior. E nós vivimos de penetrar e sacar balóns fóra para ter tiros liberados», di o estatega vilagarcián, que sitúa a pelexa polo rebote na canastra propia e a posibilidade de correr como a clave do partido.
Luis Gabín salienta a dispoñibilidade dun segundo equipo este ano, en Terceira División, como clave para dar un novo salto de calidade no xogo do Sigaltec CLB, e anhela un ascenso como «colofón e premio a esta xeración que empeza no ano 1999 e chega ata o 2005». Doce dos quince xogadores que participaron da histórica campaña, formados na canteira do CLB, e os tres restantes na do veciño Xuven; incluídos un Adrián Kovac e Carlos Caamaño que chegaron a pechar a súa formación xuvenil no club de Vilagarcía. «Este ano a sensación é que nunha boa fin de semana temos moitas opcións», sentenza Gabín.
Óptica Cambre e Ulla Oil Rosalía, os dous posibles rivais na hipotética gran final de mañá
A fase de ascenso galega á Tercera FEB levanta hoxe o pano ás 17.30 horas co duelo entre o segundo mellor equipo na fase de clasificación, o Óptica Cambre, e o terceiro, o Ulla Oil Rosalía de Santiago. De saír airoso do seu duelo co Costa Ártabra, o Sigaltec BBC veráse mañá domingo, desde as 19.15 horas, co gañador da primeira semifinal.
Sobre os protagonistas desta, o adestrador do conxunto vilagarcián, Luis Gabín, comentaba onte que se trata de dous conxuntos parecidos ao seu propio equipo por canto, sinala, «teñen xogadores máis novos» e manteñen o bloque da temporada anterior. Dous hipotéticos adversarios polo ascenso directo «con ganas de correr e de xogar a campo aberto, ao un contra un, con defensas agresivas que buscan colapsar o xogo interior».
No caso do Rosalía, Luis Gabín apunta a «unha peculiaridade». E é que en contra da tendencia esmagante do baloncesto do século XXI, «quitando o seu base, Yago, un tirador puro, o resto dos xogadores utilizan pouco o triplo e o tiro exterior. Insisten no bloqueo e no tiro en suspensión a media distancia», como se facía nos anos sen liña de tres e inda nos primeiros da súa implantación. «Mentres o resto dos equipos xogamos a 25-35 lanzamentos triplos por partido, o Rosalía é raro que tire 20».
Invitación do club ao pobo a sumarse á súa gran festa
A directiva do BBC, a pata do proxecto CLB na que se sustentou historicamente a referencia do baloncesto masculino vilagarcián, entregouse esta semana en engalanar o Pavillón Sara Gómez con intención de volver convertelo no escenario dunha gran festa como a que se viviu dúas semanas atrás coa disputa da fase de ascenso á Liga Challenge LF. Con ambientación musical a cargo de Samuel Blanco, o BBC, a través do seu presidente, Isidoro Canabal, convida a toda Vilagarcía a encher o pavillón.