Manuel Suárez, voceiro do BNG na Illa: «Non se pode condicionar o deseño do tráfico dunha vila por 4 ou 5 semanas»

Bea Costa
bea costa A ILLA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

«O noso non é silencio, é prudencia, ideas e solucións; ao PP non lle facemos caso». O concelleiro avanza que hai unha «posibilidade moi alta» de que repita como candidato en 2027

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Suárez chegou á política municipal da Illa hai dous anos en calidade de candidato do BNG á alcaldía. Os resultados permitiron que a esquerda —PSOE e BNG— formasen un goberno de maioría de coalición, pero a relación entre ambos partidos nunca foi boa. O BNG fiscaliza ao seu socio como se fose a oposición e ata forzou unha baixada do soldo do alcalde Luis Arosa vai facer agora un ano. O PP aproveita esta fenda tratando de que cale a mensaxe de que o BNG manexa os fíos no goberno. A última vez, a propósito da polémica polo cambio de sitio no pleno do concelleiro non adscrito e voceiro do PP, Matías Cañón.

—É así, a proposta para que Cañón cambiara de sitio foi súa?

—Eu creo que a oposición ten varios problemas. Un deles chámase Altri e, posiblemente, moito do ruído xerado nas últimas semanas vén pola postura que o PP está mantendo na Xunta e concellos sobre este tema; outro problema é a súa falta de proxecto e falta de capacidade [...] Nós defendemos o que vimos dicindo desde que comezou o mandato, que se estaba facendo un uso fraudulento nas intervencións de Matías. Que sexa concelleiro non adscrito non é decisión do alcalde, é un problema deles. Se quere ser portavoz do PP terá que integrarse no grupo municipal, e se non está de acordo ten dereito a recorrer, pero non a comportarse como un maleducado e faltarlle ao respecto ao alcalde e ao resto dos concelleiros. Todo isto vén dunha situación motivada polo PP, se o expulsaron non é problema meu.

—O PP tamén lle reprocha o seu silencio en relación con temas tan controvertidos como o que atinxe ao plan de tráfico. Que opina das zonas residenciais implantadas polo alcalde?

—O noso non é silencio, é prudencia, ideas e solucións; ao PP xa non lle facemos caso. Creo que o modelo BNG é recoñecido por todo o mundo. O obxectivo sempre debería ser a mellora do espazo público, desde a perspectiva do débil, das persoas que teñen problemas de mobilidade. Nós asinamos un pacto e somos respectuosos coas áreas de goberno. Moitos conflitos viñeron de aí, de ter que recordarlle ao PSOE como estaban as áreas e de que hai que oír á veciñanza e á oposición. A partir de aí o noso obxectivo é a defensa dos veciños e do concello.

—Non contestou á pregunta. En materia de tráfico estanse facendo as cousas ben ou mal?

—A Arousa ten que iniciar o seu camiño e tampouco se pode condicionar o deseño de mobilidade dunha vila por catro ou cinco semanas. Estase gañando espazo público?... Se non se gaña non se cumpre o obxectivo. A maior parte do ano a Arousa non ten problemas de mobilidade nin de estacionamento, aquí apárcase e circúlase con normalidade. O problema de tráfico provócao o semáforo da Pantrigueira e iso non se está poñendo enriba da mesa cando sería o único que podería aliviar o problema de circulación. Estase centrando o problema na Arousa cando vaite ti ao O Grove ou a Combarro no verán, a ver como están... Non hai sistema viario que soporte este problema. Podo entender que o plan de mobilidade, que non hai que esquecer aprobouse por unanimidade, provoque queixas, pero a curto prazo todos son beneficios. O camiño estase iniciando. Cal é a proposta do PP? O que hai é que aportar solucións e paréceme un erro que se traslade a imaxe de que se vés á Arousa vante multa. Na Arousa nin en ningún sitio se multa a ninguén se non comete unha infracción.

—Falemos das relacións do goberno, que non son precisamente boas. Como afronta o segunda metade do mandato?

—Nós temos un modelo propio e facemos valer a representación que temos e imos defendela. Dito isto hai que dicir que iso non obstaculizou ningún proxecto e os que están trabados, como a reforma do Cantiño, non é por culpa do Concello. Todos os nosos enfrontamentos teñen un límite que é defensa dos intereses dos veciños e nunca supuxeron problemas para executar os proxectos, outra cousa é que se pretenda amplificar o asunto. Ao PSOE estalle custando asumir que ten os mesmos concelleiros que o BNG e temos que seguir recordándolle que respecte as nosas áreas.

—Quedan dous anos por diante, pero a ocasión obriga. Vai ser cartel electoral no 2027?

—Aínda está sen decidir, pero hai unha probabilidade moi alta. Este é un proxecto que vai máis alá das persoas, no BNG estamos traballando para gobernar esta vila e estes catro anos van servir de experiencia e de aprendizaxe. Estamos en situación de gobernar a Arousa no 2027 aínda que a nivel persoal é un sacrificio moi grande, que levo con humor porque levo toda a vida en política. Houbo que tomar algunhas medidas impopulares por responsabilidade e por unha situación herdada, pero o peor xa pasou. Este ano aprobamos o orzamento máis elevado da historia sen acudir a crédito. O Concello non tiña liquidez e houbo que facer un plan de aforro e axustar as taxas porque había xente que non pagaba, pero temos os impostos dos máis baixos do Salnés. Os servizos están funcionando razoablemente ben aínda que a oposición aproveite que poida haber descontentos, pero os veciños tontos non son e non van caer neste discurso fácil.