As ilustracións de Xosé Vizoso, símbolo de Sargadelos e Edicións do Castro, chegan a Vilagarcía
AROUSA

A biblioteca municipal estrea unha exposición dun artista gráfico de refencia, ao que se debe o cartel do centenario do Celta de Vigo
10 feb 2025 . Actualizado a las 19:24 h.A biblioteca municipal de Vilagarcía organiza unha mostra coa que rende tributo a un dos meirandes referentes gráficos da cultura galega. Trátase de Xosé Vizoso, o artista ao que este ano se dedica o Día da Ilustración. A exposición recolle algúns dos seus traballos como creativo e deseñador de portadas de libros, tanto infantís coma os dirixidos aos lectores adultos. Na súa parte fundamental, pertencentes a Edicións do Castro. A iniciativa estará presente nas instalacións da rúa Castelao ata o 21 de febreiro, na súa zona de recepción.
Vizoso naceu en Mondoñedo en 1950 i é coñecido por plasmar a tradición e a cultura galega nas súas obras, cuns códigos estéticos perfectamente identificables. A súa amplísima traxectoria coma artista gráfico e ceramista atopou un auténtico fito na súa colaboración coa fábrica de Sargadelos, onde traballou coma deseñador xunta Isaac Díaz Pardo durante corenta anos. A súa pegada foi fundamental no desenvolvemento de Edicións do Castro, difundindo a memoria histórica de Galicia durante a Guerra Civil e o longo exilio.
Hai xa catro anos, o Concello de Vilagarcía e a Fundación Artiaga organizaron a exposición Creatividade e procesos na sala Antón Rivas Briones. Nela, o autor pretendía que o público fose partícipe do proceso creativo que se agocha por tras dos seus traballos. Nese mesmo 2021, Vizoso deseñou o cartel das festas de San Roque e, máis recentemente, tamén o cartel conmemorativo do centenario de Real Club Celta de Vigo.
O nome de Xosé Vizoso súmase aos de Chicho Campos, María Antonia Dans, Lino González Rubido, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Lolita Díaz Baliño e Reimundo Patiño, todos eles distinguidos en edicións anteriores do Día da Ilustración. Una conmemoración que se estableceu o 30 de xaneiro por ser esta a data na que naceu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, artista polivalente e símbolo da nación galega. Neste contexto, e tendo en conta que no 2025 se cumpren 75 anos do seu pasamento, a Xunta decidiu declaralo coma Ano Castelao.
Para honrar a memoria do insigne rianxeiro, a biblioteca Rosalía de Castro aproveitará a efemérides para organizar, tamén, unha mostra das súas ilustracións. Entre elas poderase a topar o debuxo que Castelao fixo do cruceiro do cemiterio de Carril —hoxe descabezado xunta a igrexa de Santiago— e incluíu no seu libro As cruces de Pedra na Galiza, editado en 1950.