Loita Amada lanza o tema «O seu puñal» coma reivindicación ecolóxica

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A canción, que foi presentada o domingo no auditorio da Illa, pode escoitarse na canle da banda en Youtube

25 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo dunha longa traxectoria en bandas de referencia coma Xenreira e, sobre todo, Nao, Pablo Carracedo, Jásper, emprendeu hai dous anos un proxecto persoal que callou en Loita Amada. O seu primeiro traballo, en sociedade coa pandeireteira Nébeda Piñeiro, puxo proa a sons pouco frecuentes; unha sorte de renovación da canción protesta galega que este 2024 mudou radicalmente, ao regresar a unha proposta moito máis contundente no musical. Lanzado en xaneiro, Rematou o simulacro, o seu segundo disco, está defendido por unha nova formación que se pon ao servizo dunha radical mensaxe ecoloxista coa presentación de O seu puñal, un tema no que a ría de Arousa gaña protagonismo.

A canción foi presentada fisicamente o domingo, véspera de San Xoán, no auditorio da Illa, en compaña de Olaia Ledo e a mariscadora Inma Rodríguez. Tivo unha segunda entrega onte, en Compostela, no centro sociocultural do Ensanche. E hoxe acada o seu lanzamento definitivo a través da canle de Loita Amada na plataforma Youtube.

Ao seu xeito, O seu puñal pon banda sonora ao movemento de oposición que a instalación de Altri no Ulla levantou en Galicia. O vídeo que o acompaña contén imaxes gravadas en Arousa, un territorio no que o proxecto ergueu unha forte contestación.

A xira que toca Arousa. A nova formación de Loita Amada, con Jásper á fronte, fixo unha primeira incursión na beira sur da ría en maio, cun concerto na Estación de Pontecesures. 0 13 de xullo estará na Festa da Xuventude de Valga e, xa en setembro, descargará nas Revenidas.