De que aínda non está todo desanoado

La Voz

AROUSA

MONICA IRAGO

17 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Franco no seu discurso de Nadal de 1969 afirmou que ?Respecto a la sucesión a la Jefatura del Estado en que tantas maliciosas especulaciones hicieron quienes dudaron de la continuidad de nuestro Movimiento, todo ha quedado atado y bien atado?. Seis anos despois, o falecemento natural do Caudillo deu paso ao sistema político actual sen sobresaltos maiores, sen ningunha revolución nin ruptura, estrañamente, como se todo obedecese a ese designio anunciado como anoado por Franco, coa poboación preocupada doutras cousas, sobrevivindo como nunha eterna procesión dos caladiños.

Matino que, efectivamente, había un plan, porque foron as figuras, algunhas inesperadas, do propio Movimiento Nacional as que impulsaron o cambio que permitiu a entrada no Poder Lexislativo de diversos partidos que aceptaron o marco normativo e foron artellando enriba do que había este actual sistema social e democrático de Dereito, co fito da Constitución de 1978. A Transición foi gabada diante desta maioría silenciosa como un proceso outorgado pero modélico; e pode que, racionalmente, o fose. Pero iso non quere dicir que do Poder Xudicial, do Exército, das elites, dos poderes económicos, da sociedade, quedaran extirpados principios, valores, xeitos de actuar, machucados desde o medo, a escola, a Igrexa e a fame durante corenta anos de Ditadura abafadora. Por iso o franquismo é un mal que tarda tantísimo en sandar.

A esperanza da súa desaparición —se os partidos da dereita axudan un algo— está en cando as novas xeracións que non viviron naquela atmosfera oprimente, vaian —xa están aí— alcanzando o poder real. A ilusión está nelas, porque as que creceron na Ditadura, quizá asintomáticas, seguen empezoñadas. Por iso, é conveniente, saudable, atender a como se ve ao noso Estado desde fóra.

Na reunión deste mesmo xullo de 2023 do Comité da ONU contra a Tortura, que supervisa a existencia de torturas, tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes, fixéronse unhas Observacións Finais sobre España preocupantes. É certo que se resaltan aspectos positivos, pero, na linguaxe do Comité, aparecen motivos de preocupación en eidos como a loita contra a violencia de xénero, o réxime de estranxeiría, o illamento dos detidos que se pode prorrogar ata cinco días, o uso excesivo da forza por parte dos axentes da orde, o desaxuste do Código penal coa definición de tortura, os casos de designación forzosa de avogados de oficio —polos que non se cotiza, mal pagos e sen recoñecérllelos seus propios dereitos— sen que o detido poida elixir nin reunirse en privado co avogado de seu; que as denuncias de malos tratos policiais e carcerarias, as mortes en custodia e calquera responsabilidade que se poida derivar da actuación dos funcionarios de prisións non se investiguen a través dun mecanismo independente, senón polos propios organismos afectados; a necesidade de revisar o uso da forza e das armas. Centra moitas críticas sobre o sistema carcerario onde pide que se atendan as necesidades especiais das mulleres privadas de liberdade, que se mellore a asistencia sanitaria en prisión, que o réxime de illamento na cadea —que pode chegar a 42 días— se aplique en casos excepcionais durante menos de 15 días e que se impida o illamento cando o recluso teña discapacidade física ou mental que puidera agravarse baixo ese réxime. Fai moitísimas observacións sobre as devolucións de inmigrantes e dos Centros de Internamento de Estranxeiros. Ademais, convida ao Estado español a ratificar a Convención Internacional sobre a Protección dos Dereitos de Todos os Traballadores Migratorios e os seus Familiares.

No que se refire á pervivencia dos efectos do réxime franquista celebra a promulgación da nova Lei de Memoria Democrática e que se recoñeza que a busca dos desaparecidos corresponde á Administración Xeral do Estado; pero lamenta que esa lei manteña obstáculos para a investigación de graves violacións de dereitos humanos, como actos de tortura e desaparicións forzadas e insta a España a que derrogue a Lei de Amnistía de 1977. Non fala nada dos delitos e enriquecementos de particulares. Por certo: O Comité pide que este informe de xullo de 2023 se traduza ás linguas oficiais e se divulgue. Nin caso; nin aparece en galego por ningures.