Número 1 do ránking galego, cambiou a medio partido o balón de baloncesto por unha espada
21 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado día 13, Araceli Bugallo Otero (Cambados, 1966) volvía de Madrid coa satisfacción de probar unha vez máis ser unha das mellores tiradoras de espada veteranas de España. Segunda na proba puntuable para a Liga Nacional, saboreou antes o terceiro posto na parada do Circuíto Europeo Máster na capital española. Foi a demostración da calidade e da incombustible ansia competitiva de quen é hoxe a número 1 do ránking galego absoluto da súa arma. Un punto e seguido na relación íntima de Bugallo coa esgrima, nacida da máis pura casualidade, pero tamén do inmenso valor que o deporte ten para Araceli tras atopar nel a táboa de salvación fronte o drama da droga na Arousa dos anos 80.
Quizais moitos dos seus alumnos na Asociación Vilagarcía Esgrima descoñezan que antes de baterse con tanto oficio espada en man, Bugallo foi pioneira no baloncesto feminino da súa localidade. Unha demostración da primeira formación do Club Xuventude Cambados no seu colexio a finais dos anos 70 gañouna para a causa da canastra cando inda era unha nena de cuarto ou de quinto de EXB. Ata que o deixou en 1991, e antes de militar un par de anos no Arxil, a arousá percorreu co Xuven toda Galicia. Viaxando a calquera recuncho da xeografía do país encantada, cantando e contando historias recorda, agás cando se trataba de ir ao Barco: «Cando tiñamos que ir aló dicía ‘Como fan un equipo de baloncesto neste sitio?’», amargada pola paliza que tocaba pegarse en autobús.
A rutina e os pequenos praceres proporcionados pola convivencia coas súas compañeiras e tamén rivais arredor do baloncesto adquiriu co paso dos anos un valor capital para Araceli: «Eramos catro compañeiras do instituto que sempre fomos xuntas no Xuven. As catro coincidimos en que o tren do baloncesto foi decisivo para que non entraramos na droga», di. «Aqueles foron anos duros na comarca. Houbo tanta xente coñecida, familiares, amigos, compañeiros do instituto que morreron, que nos puido tocar a calquera de nós. Por iso dicimos grazas ao baloncesto, porque máis aló do baloncesto, en Cambados entón non había moita máis alternativa de ocio» comenta hoxe o noso outro rostro do deporte.
En 1991 a arousá, que ampliara os seus estudos de Maxisterio dous anos para enganchar coa especialidade de Educación Física acabada de incorporar ao programa universitario, sacou a oposición. Os seus primeiros destinos como mestra levárona a comarca de Ferrol e a casualidade, xa o dixemos, a emparellou coa esgrima. O coruñés Ramiro Bravo acababa de volver a Galicia da Residencia Blume de Madrid tras participar nos Xogos Olímpicos de Barcelona 92 e dedicouse a promocionar a súa disciplina entre os centros escolares da zona. «As películas de espadachíns sempre me gustaron moito. Eu viña dun deporte colectivo e apetecíame probar un deporte individual», conta Araceli: «E engancheime».
Máis aló do grupo humano co que coincidiu, e de que sempre lle pareceu un deporte moi elegante e técnico, á cambadesa a esgrima conquistoulle a cabeza e o corazón. A primeira, coa súa sinxeleza: «Sempre lle digo a quen empeza que este é un deporte moi fácil, trátase de tocar e de que non te toquen. Pero detrás dalgo tan sinxelo hai moito traballo». Respecto ao corazón, nada como poder atopar con que sentirse un mesmo sen expoñer máis do que se desexa: «É un deporte no que proxectas moito a túa personalidade», apunta Araceli, a través da técnica, da táctica e da plasticidade da súa manifestación en cada duelo: «Ao mellor es unha persoa que che gusta máis estudar o rival, ou quizais provocalo, ou agardar polo seu fallo», sinala, antes de completar a súa explicación: «A esgrima é un deporte moi íntimo, moi teu. Porque logo está a careta. Sempre me chamara a atención, porque pensaba que non se vía nada con ela. Velo todo e en cambio a ti non te ven. Protexe a túa linguaxe interior, arróupate moito».
Será por iso que, once anos despois de decidir montar un club ao pé do seu fogar, en Vilagarcía, Araceli Bugallo conta con case tantos nenos como adolescentes e adultos, algúns destes últimos, pais dos primeiros. A todos eles tenta transmitirlles o pracer e o tesouro de interiorizar a práctica dun deporte que os acompañe toda a vida, algo que, dalgunha forma, cada vez resulta máis complicado entre as novas xeracións. «Hoxe vas nun coche con nenos a unha competición e van en silencio, porque van xogando coa súa consola ou escoitando música», relata a arousá, que fai fincapé en que «cando vas competir tes que socializar, o deporte tamén é iso, aparte da superación. Se vas xogar e acabouse paréceme unha experiencia coxa», a anos luz da que enriquecía a súa vida de rapaza. Un problema, o de hoxe, que lles atribúe aos móbiles: «Teñen a necesidade do seu contacto físico. Se non lles dis nada, adestran co móbil na man ou no peto. É algo que está a pasar de cinco anos para acá, en todos os sitios», alerta Araceli.
Ela, que participou en seis Europeos e Mundiais de veteranos e, antes, chegou gañar tres campionatos de España séniores de categoría 2, tenta poñer o seu grao de area á causa. Aplicando entre os seus pupilos a norma de que «o móbil queda no banco». E algo quizais moito máis efectivo, facendo da súa contaxiosa vitalidade a mellor arma para tocar a cabeza e o corazón da meta rapazada.
Persoal
Araceli Bugallo Otero foi desde 1991 e durante toda a súa vida laboral mestra de Educación Física na ensinanza pública.
Traxectoria deportiva Xogadora e case fundadora do Xuven Cambados e logo do Arxil no baloncesto, luciu as cores do Tres Armas de Ferrol, do Compostela Esgrima e do Asociación Vilagarcía Esgrima como tiradora de espada.