De estarmos na inopia

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Guardia Civil | EFE

Lector: esta semana oirá falar da guerra. O que non sei é se escoitará algo da Semana do Desarme

23 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O dicionario da RAG di que estar na inopia é estar distraído, non darse conta do que pasa e pon unha frase explicativa: «Este paspán está sempre na inopia». O da RAE di que «en la inopia» é unha locución que significa andar na máis absoluta ignorancia de algo. O de portugués pon como acepción de inópia «atitude ou conduta digna de reprovação». Desde antes do mes de febreiro, incluso desde o 2014, neste xornal e en todos os demais medios de comunicación viñeron novas relacionadas coa guerra de Ucraína e, de cando en vez, mencións ás ducias de conflitos armados que apodrentan o mundo. E os gobernos da UE, de Norteamérica e moitos máis, incrementan os orzamentos destinados á adquisición de armamento, tanto para si como para enviar a outros países. Nin que dicir ten que a OTAN resulta destinataria e inversora por si mesma.

Nesta tolemia de investir en armas parece que os grandes partidos políticos están conformes, en plena abdución. E, por iso, todos os Estados, prodigamente, achegan capitais para a compra de armamento; cartos que hai que substraer doutros lados. Imos cunha cifra: antes da guerra de Ucraína no mundo dilapidábanse en armas uns dous billóns de dólares, que son sesenta veces máis dos que se destinaban a axuda humanitaria. Gastábase sesenta veces máis para matar os iguais, que en axudar a xente. Xa me poden amentar prevención, disuasión ou o eufemismo que sexa: non pode ser.

Fronte a esta dura realidade o contraditorio, ou ata chusco, é que a ONU desde o 24, aniversario da súa fundación, ata o 30 de outubro conmemora a Semana do Desarme, suponse que apoiada no consenso da maioría dos Estados que a forman; eses mesmos, esquizoides, que andan desenfreados a malgastar as inxentes cantidades que indicamos. O malo de todo isto é que todos somos sabedores de que habería que prohibir as armas. Para chegarmos a tal conclusión non hai que esforzarse moito e quizá por iso a ONU utiliza argumentos obvios. Dinos que «as tensións e os perigos resólvense de mellor maneira a través de diálogo político e de negociacións serias en vez de con máis armas». Vaia. Que terá que ver empuñar unha pistola con ter razón?. Ou «o uso de armas convencionais pesadas en zonas poboadas pon en grave perigo aos civís»: vémolo en directo cada día; e o propio Antonio Guterres, como secretario xeral, desesperanzado, supoño, propuxo unha axenda de desarme cos obxectivos de lograr un mundo libre de armas nucleares —«unha ameaza única e existencial para a humanidade debido ao seu incomparable poder destrutivo», di el—, fortalecer as normas contra outras armas de destrución masiva, mitigar o impacto humanitario das armas convencionais e asegurar a paz e a estabilidade no ciberespacio. 

¿Prohibición das armas nucleares?

Fala da prohibición das armas nucleares —un tratado que non asinaron os Estados que as teñen, nin os que pertencen á OTAN—, das químicas e das biolóxicas pero recórdanos que as convencionais son o centro dos conflitos no mundo e que son os civís os que levan a peor parte desa violencia armada. Afirma que «os altos niveis de armas e municións en circulación contribúen á inseguridade e facilitan as violacións dos dereitos humanos». Outra novidade: que se saiba as armas son para destruír o primeiro dos dereitos fundamentais, que é o da vida. No mundo hai sobre 15.000 bombas atómicas e estímase que existen cando menos uns 875 millóns de armas convencionais, e que se fabrican uns 8 millóns anuais, nunhas mil empresas en máis de cen países.

Lector: esta semana oirá falar da guerra. O que non sei é se escoitará algo da Semana do Desarme —estea atento— e se lle cadra, a ver se sabe explicar quen está e quen non na inopia. Pode que ninguén, que todos, ou segundo cando. Pensar que somos quen de armarnos e desarmarnos á unha é de paspáns.