O Curtas quere implicar a Vilagarcía para convertela en capital galega do Samaín

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O Festival pretende facer do paseo e da compra na vila unha experiencia inmersiva coa colaboración do comercio e da hostalería locais

10 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dez días hai que o 49º. Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa baixou o telón da última das súas proxeccións no Salón García, tras outras tantas xornadas con case un cento de longametraxes e curtametraxes en competición e un cartel de convidados dun nivel conxunto nunca antes visto no certame. O seu director, Luis Miguel Rosales, fai un balance extraordinariamente positivo, reflectido a nivel cuantitativo nas 3.381 reservas retiradas para gozar dos pases cinematográficos dos diferentes xéneros e cualitativamente apoiado no feito de que, por «primeira vez en moito tempo» e con contadísimos precedentes na cita vilagarciá «tivemos sesións coas entradas esgotadas», conta Rosales. Foron os casos de Jacinto, longametraxe do santiagués Javi Camino, e a proxección das dúas películas da saga Gremlins, co seu director, Joe Dante, o convidado estelar nesta edición, presente no Salón García para deleite dos afeccionados. 

No 2022 o Curtas celebrará o seu primeiro medio século de vida. Unha quincuaxésima edición que os seus organizadores entenden debe servir para comezar a elevar o festival a un seguinte nivel e, con el, o conxunto de Vilagarcía. Como? Xuntos da man do comercio, da hostalería e de «todas as forzas vivas da localidade» interesadas nun proxecto pensado para beneficiar a totalidade do municipio, di Rosales.

«Temos que xerar un ambiente de festa. Que a xente sinta que o sitio onde ten que vir no Samaín é Vilagarcía». Con esta idea é coa que o director do Curtas aspira a impulsar un crecemento exponencial do certame. Ofertando unha experiencia inmersiva coa implicación dos locais comerciais. «Se á programación —con películas do xénero fantástico e de terror copando a maior parte da metraxe no Salón García— e aos convidados —entre eles, grandes directores de cinema e estrelas da banda deseñada a nivel mundial— lle sumas uns locais ambientados con temática fantástica e conseguimos xerar esa experiencia a quen veña a Vilagarcía eses días, o Festival deu mostras significativas este ano do que pode ser. Non só a nivel mediático», subliña Luis Miguel Rosales; «pode atraer a multitude de persoas á cidade que doutro xeito non virían», conclúe.

Neste punto, desde o Curtas comentan que «para a complicación das datas, non estivo nada mal meter a eses máis de tres mil espectadores a finais de outubro, cunha ponte». Pero para poder explotar todo o potencial turístico agochado «temos que implicar os comerciantes, os hostaleiros, os praceiros e a todos os sectores socioeconómicos de Vilagarcía», sinala Rosales.

Mirarse no espello de Sitges

Con tal fin, a intención do director do certame audiovisual é volver traer a un dos convidados da recente última edición do Curtas, Ángel Sala, para que desde a súa condición de responsable da organización do Sitges Film Festival, explique nunha charla informativa a vindeira primavera o impacto que un certame do xénero fantástico, con só cinco anos máis de vida co vilagarcián, ten nunha pequena localidade de nin 30.000 habitantes implicada na causa como Sitges. Unha charla de ida e de volta, na que as «forzas vivas» da capital arousá poidan preguntar calquera cuestión referida a súa posibilidade de participación nesa experiencia inmersiva proposta polo Curtas mirándose no espello de Sitges.

«Todo ten un tempo de cocción», conta Rosales. E tras sete edicións á fronte do Curtas desde que no 2015 recibira unha chamada para salvar da desaparición o certame audiovisual máis antigo de Galicia, cre que «o 50 aniversario é o momento de empezar a facer este novo modelo de festival».

«A edición deste ano marca un antes e un despois. Veu xente de Italia, de Chile, de Perú...»

 «Sempre é difícil facer unha valoración cando traballas desde dentro e tes unha percepción interna», con todo, Luis Miguel Rosales afirma sen a menor dúbida que a última «é unha edición que marca un antes e un despois» na historia do hoxe coñecido como Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa. Unha sentenza que o seu director defende «polos convidados», con Joe Dante á cabeza dunha nómina de persoeiros do cinema «dun nivel que non tiveramos nunca» na que tamén figuran Daniel Monzón ou Nacho Vigalondo, cunha estrela mundial da literatura fantástica coma Elia Barceló, ou con figuras internacionais da banda deseñada coma Jesús Merino, Belén Ortega ou Javi Fernández. Pero tamén, defende Rosales, o vivido este ano no Curtas supuxo un punto de inflexión «polo número de afeccionados e pola repercusión mediática» recibida.

Sobre estes dous últimos capítulos, o máximo responsable do Curtas apunta que «só hai que darse unha volta polas redes sociais e ver como se fala do festival en países como Australia, China, Xapón, EE.UU ou Taiwán». Tamén «houbo profesionais dun medio italiano que botaron unha semana no Curtas e realizadores e afeccionados de Chile ou de Perú, tamén de Madrid, de Barcelona ou de Andalucía. E «a toda esa xente que vén de fóra a pasar unha semana no Curtas hai que ofrecerlle cousas», salienta Rosales á hora de soster que chegou o momento de que o conxunto de Vilagarcía perciba o mesmo que os organizadores do Curtas e actúe en consecuencia, implicándose nesa experiencia inmersiva que faga da localidade a capitá galega do Samaín: «O Festival pertence a Vilagarcía e debe continuar cando nós marchemos».

A prioridade dos responsables do certame na súa 50ª. edición será «conseguir traer máis xente á sala», porque se ben os números deste ano foron bos, «inda estamos lonxe do cheo total», recoñece Rosales, que entende que o Curtas debe aspirar a «contar cunha segunda sala de proxeccións».

Entre o labor por diante figura ademais traballar en elevar o magro orzamento de 74.000 euros co que contou o festival vilagarcián este ano. Unha cifra que sorprendeu o director do Festival de Sitges, Ángel Sala, que ao ver o programa do Curtas «calculou que manexabamos 200.000 euros», afirma Rosales a título descritivo.