Un curso sobre xestión na hostalaría abre en Vilagarcía o programa formativo «Ao punto!»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A acción profundiza non só no aspecto gastronómico, senón tamén no funcionamento económico dos negocios

20 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa formativo deseñado para axudar á hostalaría de Vilagarcía para mellorar a súa xestión arrincou onte en Matosinhos. As dez xornadas temáticas que dan forma a Ao punto!, forma parte dun paquete de tres charlas destinadas «aos empresarios ou xerentes dos establecementos hostaleiros». Este primeiro bloque, impartido polo docente de obradoiros de hostalaría, Daniel Donato, será teórico e abordará aspectos vitais para unha boa xestión dos negocios. Onte falouse da situación da hostalaría co covid e das medidas a implementar para continuar traballando de forma segura. O calendario complétase coa xornada «A xestión económica» a celebrar o 21 de maio (no que xa hai previstas dúas sesións para acoller a todos os interesados) e coa de «Ferramentas de negocio e márketing» do día 26.

No mes de xuño impartiranse seis xornadas teórico-prácticas dirixidas aos traballadores da hostalaría: dende persoal de barra a camareiros e cociñeiros. Por esta razón a modalidade práctica primará nos obradoiros que impartirán docentes da Escola de Hostalaría Avantfor de Vigo.

Tendo en conta que son máis os traballadores da hostalaría que os empresarios, a Concellería que dirixe Alba Briones ten organizadas varias sesións de cada actividade. Os temas versan sobre aperitivos e tapas, atención ao público, pinchos e tostas e a disciplina do barista. Estes obradoiros incluirán algunha máster class impartida por recoñecidos profesionais do sector, como a que ofrecerá o restaurador Pepe Solla, propietario do restaurante Casa Solla, con unha estrela Michelín e dous soles Repsol.

O plan de formación e mellora competitiva do sector hostaleiro é unhas das accións a desenvolver a no marco do Plan de Promoción e Recuperación Económica «Vilagarcía 21». Con el preténdese «incidir na mellora da xestión, a empregabilidade, a competitividade dos locais da cidade e potenciar a calidade dos servizos ; estes son os obxectivos desta iniciativa da que se pode beneficiar calquera profesional da hostalaría de Vilagarcía».

As sesións enmarcadas neste ciclo son de balde e os interesados en participar nelas deben inscribirse dirixíndose directamente á concellería, a través do correo electrónico tle@vilagarcia.gal ou a través do número de teléfono 986 099 200, extensións 119 e 120.