Vilagarcía celebra os Maios cun programa en directo en Facebook

A retransmisión comeza á unha da tarde e complementa a colocación de catro montaxes vexetais nas zonas peonís da cidade


vilagarcía / La voz

O calendario comeza a xirar un ciclo enteiro marcado pola pandemia, de xeito que a celebración dos Maios terá que desenvolverse, de novo, en formato virtual. A concellería de Cultura ten programada unha festa virtual que comeza á una da tarde e será retransmitida en directo a través do perfil en Facebook do Concello de Vilagarcía. Erea Hierro e Carlos Crespo serán os encargados de conducir a proposta, que contará coa Banda dos Maios, unha formación musical creada para a ocasión, co propósito de interpretar algunhas das coplas presentadas polos participantes no segundo certame virtual dos Maios na capital arousá.

A banda está formada por tres membros do grupo As Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa. Son Pili Bernárdez, María Bermúdez e Loli Camiña, ás que se suman Dani Barreiro & Friends e Borja García ao contrabaixo e a trompa. Tendo en conta que o prazo de entrega das letras rematou o mércores á noite, o feito de que teñan musicado unha escolma das coplas entraña, dende logo, un notable mérito.

Os Maios estarán expostos

Que a festa non se poida celebrar co encontro dos vilagarciáns nas rúas non quere dicir, por outra banda, que as tradicionais montaxes vexetais non vistan os espazos urbanos. Os Maios, de feito, estarán presentes en diferentes enclaves do centro da vila para que poidan ser contemplados polos viandantes. De acordo coa mesma política de ambientación de rúas que se pon en práctica no Nadal, nesta ocasión serán Maios e xestas os que decoren durante toda a fin de semana as zonas peonís e comerciais do centro. O servizo de Parques e Xardíns elaborou catro Maios cónicos de tres metros de altura, que se instalarán na praza de Galicia, na intersección das rúas Castelao e Xeneral Pardiñas, no cruce de Rey Daviña con Castor Sánchez e na entrada ao parque Miguel Hernández dende a avenida da Mariña. A maiores, os ramos de xestas que espantan as meigas e o mal de ollo colocaranse na praza da Independencia, pendurados nos farois das rúas da súa contorna.

Nesta segunda edición do certame virtual inscribíronse douscentos traballos, 180 Maios elaborados por menores de 18 anos e vinte coplas na modalidade de adultos. Todos eles poderán degustar as roscas coas que os agasalla a concellería, que tamén difundirá as súas obras a través das redes sociais do Concello.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Vilagarcía celebra os Maios cun programa en directo en Facebook