Pepe Vieira: «Ei, temos que relativizar os problemas!»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

O covid fai que o cociñeiro con estrela estea máis na terra ca nunca. Sabe o que hai, pero non se rende

08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar co chef estrela Michelín Pepe Vieira (Raxó, 1973) é sinónimo de conversa apaixonada. El non tivo un frechazo coa cociña. Foi un cariño que chegou co roce e que mudou en amor dos que aparecen para quedar. E agora conta o que fai entre fogóns cos ollos e o verbo dun deses namorados que non se renden ante un mal momento. Quizais por iso responde cun «imos tirando» cando se lle pregunta pola que lle está caendo a hostalaría na era covid. Se ese amor lonxevo polo que fai lle serve de escudo, moito máis o fan as súas vivencias persoais. Porque Pepe Vieira tamén é (ou fundamentalmente é) Josiño, o fillo duns pais tenaces que lle puxeron na pista da cociña cando ranqueaba nos estudios. O marido dunha galega de Nova York que é toda unha muller valente. O pai de dous fillos dos que aprende cada día. E, tamén, un home con conciencia que cando pensa nestes tempos revoltos se lle vai a cabeza ao Mediterráneo e aos mortos que alí quedan. Ou a quen non pode vivir para contar o covid. «Non me quero poñer dramático. Pero, ei, temos que relativizar os problemas!», berra docemente cun sorriso.

Josiño, cando aínda non sabía que un día sería Pepe Vieira, viviu a súa nenez en Vigo, onde o seu pai era profesor de FP. Quizais foi esa relación íntima do seu proxenitor coa formación profesional a que fixo que, cando Josiño estaba nunha etapa na que nin arre nin xo nos estudios, lle falase da posibilidade de estudar cociña. «Eu tiña 14 anos e o que máis me gustou foi que para estudar cociña tiña que ir a Santiago... imaxina con 14 anos e con toda esa liberdade», lembra.

Aló foi. E en Compostela, na Escola Superior de Hostalaría de Galicia, as cousas non lle puideron ir mellor. Coincidiu alí con rapaces que agora, coma el, son grandes nomes da cociña nacional. Rematou eses primeiros estudios cun título e, sen sabelo aínda, cunha vocación. Marchou logo a Madrid, onde fixo a carreira de Turismo e, a partires de aí, o mapa nacional quedouse pequeno para as súas ás soñadoras.