Os Beatles, os miserables e o vampiro

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Ádega lanza a súa semana de cine con propostas para todos os públicos

30 jul 2020 . Actualizado a las 21:22 h.

«Sempre intentamos facer unha oferta que interese a moitos tipos de públicos». Dende detrás da máscara, Xabier Marqués, do cineclube Ádega, iniciaba así a presentación das catro películas que nos próximos días se proxectarán en Vilagarcía. Chega agosto, en con el, unha semana de cine na que todo está asegurado, segundo explicou a concelleira de Cultura, Sonia Outón: dende o estrito cumprimento da normativa covid-19, ata a calidade indiscutible dos filmes que se proxectarán.

Non podía ser doutro xeito. «Este ano, polas circunstancias nas que estamos, chegamos a plantexarnos non facer a semana de cine. Pero logo decidimos que si, que era unha forma de dar esperanza en que todo vai acabar pasando», sinalaba o presidente de Ádega, Fernando López. Foi el quen explicou que o programa é este ano «máis contido», e que no canto de programar proxeccións os sete días da semana, se ten reducido a catro. Tamén se observarán os protocolos de orde sanitario, tanto na praia, onde será a primeira das proxeccións, coma no Salón García, onde se despregarán ás demais.

¿E que se ofrece na gran pantalla? O catálogo recolle unha ampla variedade de xéneros. Arrinca cunha comedia romántica e divertida, e remata cun clásico escuro, Nosferatu, que terá o plus da música en directo. E no medio, máis cine de calidade. Empecemos polo principio. O mércores, ás dez e media da noite e de balde, proxectarase na praia da Concha Yesterday, un filme con banda sonora dos Beatles co que se pretende atraer ao público familiar.

As cousas cambian xa na segunda xornada: os filmes pasan a proxectarse no Salón García, ás nove e media da noite. Haberá que pagar catro euros de entrada, que se poderá adquirir o mesmo día a partir das sete e media da tarde. O xoves, a película escollida pola organización é The Farewell, un filme da autora Lulu Wang, que lanza unha mirada reveladora sobre unha realidade que coñece ben: o choque da cultura chinesa coa americana. Antes da película, ás nove, terá lugar un acto de homenaxe a Luis Ángel Rodríguez Tous, o que fora presidente de Ádega.

Chegamos ao venres e unha película do director norteafricano Ladj Ly que relata a vida nos barrios máis conflitivos de París. O título ten evocacións clásicas: Les Misérables. Pero para clásicos, o filme co que se cerra a semana cultural. O cine club resucita a Nosferatu, o vampiro que maxistralmente construíu Murnau no hai case cen anos. Daquela o cine era mudo, adobado con boa música en directo. E así acontecerá en Vilagarcía o venres. O grupo Fuzzo encargarse de poñer a banda sonora a esta historia de vida e morte.