Dos que se botaron ao monte

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

19 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde os primeiros intres da represión da sublevación de 1717 en San Vicente, a maioría dos implicados botáronse ao monte. O xuíz, con dez presos nos sotos do Pazo de Raxoi, mandou aos gardas que volvesen «a la felegresía de San Vicente del Grove y prendan las personas de Jazinto de Lores, Alonso de Lores, Benito de Lores, Santiago de Lores, Miguel Pérez, Domingo García, Manuel García, Domingo Domínguez, Lorenzo Pérez, Domingo Lijoo, Cosme de Torres, Domingo Gago el mozo, Gregorio Álvarez y Domingo Brión». Continuou cos embargos de tódolos bens dos acusados para que os alguacís cobrasen os xornais do que se sacase nas poxas. O afán dos gardas era máximo, pero non deron cumprido coa categórica orde de apresalos a todos. Deixaron citacións en cada casa, nos lugares públicos e ata colocaron un pasquín na Praza da Quintana, cominando aos fuxitivos a presentárense en Santiago en tres días. Nin caso. Desesperado por non cumprir nin cobrar, o alguacil, menistro din os papeis, que acompañou a Erze Miranda desde o principio, Andrés de Octero, informou o 13 de outubro que «a su notizia hes llegado que los escapados se allan en dicha felegresía de San Bizente y de noche hazen consulta entre todos». Por ver se os sorprendían, mandou ao alcalde do Grove José Fernández de Caamaño, baixo multa de cen ducados, pórse ao mando de dez ou doce homes e prender aos fuxidos. O servil e aproveitado alcalde contestoulle que «le ovedeze y quanto a su cumplimiento está presto cumplir con lo que se le manda pagándole los días ocupados y que en ello devengare, como a los Guardias que fueren». E así, o alcalde e doce veciños de San Martiño coñecedores de San Vicente, guiaron á comitiva xudicial na busca dos prófugos, cos xornais a conta dos bens dos acusados. Só capturaron a Santiago e a Benito de Lores, agochados no palleiro da eira, contra os que houbo que usa-lo ímpeto de toda a caterva para amarrárllelas mans, por resistírense correudamente. Quedaron custodiados polo alguacil e nun descoido zafáronse das ataduras: «se resistieron y rrompieron dichas ligaduras haciendo fuerza para escaparense que a no ser favorezido dicho menistro del presente scrivano, su ilustrísimo alcalde y las más personas, le mataran con lo qual les hizo conduzir a dicha villa del Grove y Cárzel della donde les puso por presos y entregó sus personas a su ilustrísimo dicho Alcalde a quien le mandó que devajo la pena ympuesta diese quenta dellos conforme se le manda». Pola carraxe dos encerrados o alguacil obrigou ao Alcalde a engadir máis gardas para custodialos e trasladalos a Santiago. O obsequioso Fernández de Caamaño manifestouse presto para «cumplir con su tenor y desde luego nombraría y nombró por guardias a Francisco Franco, Domingo de Pazos y Antonio Gómez», sempre a conta dos acusados. O 17 de outubro, despois de entregaren aos irmáns Lores en Santiago, estes veciños de San Martiño recibiron doce moedas cada un do obtido nas poxas. Pareceulles pouco; regatearon. Erze Miranda subiulles seis reais por cabeza e «los llevaron a su poder de que se dieron por contentos».

vento da travesía avelino ochoa