A entidade vén de poñer fin a trinta anos de historia e, con todo, no sector cren que a horta ten futuro
28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Ata a semana pasada, Joaquín Chaves era o encargado de que a xestión e as contas de Hortumia foran polo bo camiño. Agora ten a triste encomenda de pilotar o proceso de liquidación da cooperativa agraria cambadesa, que vén de pechar as súas portas despois de trinta anos de historia a pesares da aposta firme por este proxecto do seu presidente, Juan Calo, e do «esforzo enorme» dos seus traballadores, segundo destaca Chaves.
-¿Cal é a situación unha semana despois de aprobar a liquidación de Hortumia?
-Estamos coa liquidación ordenada, tal e como marca a lei, para non prexudicar a ninguén. Primeiro pagaranse os créditos con garantía hipotecaria e os ex socios serán os últimos en cobrar.
-¿Cales foron as causas que levaron a esta situación?
-Non é unha soa. A primeira e fundamental é a económica, pola situación coa que arrincamos no 2015, cun endebedamento moi forte (entón de 350.000 euros). Logo, a división dos socios no tema da fusión con Horsal; e a terceira causa, o envellecemento dos socios; dos 37 moitos estaban inactivos por xubilación ou por cese de actividade e só había dezanove en activo. E os socios inactivos tamén teñen dereito a decidir, aínda que os seus intereses non coincidan cos dos socios activos. Moitos abandonaron o barco, e dos que quedaron, había quen vendía parte da súa produción por fóra. Cada vez había menos produto e menos capacidade económica.
-¿É un problema de modelo ou de mercado?
- Penso que o cooperativismo é a única saída para o campo galego. Había socios moi comprometidos e cunha mentalidade de cooperativismo moi arraigada, pero non foi suficiente. No que atinxe ao mercado, as condicións son cada día máis esixentes, pero se todos os socios estiveran unidos e apostaran por esta realidade, a situación sería distinta, non sería fácil, pero si distinta.
-¿A fusión con Horsal tería sido a salvación de Hortumia?
-A fusión sería unha saída. A idea sempre estivo presente, pero non se levou adiante porque non se daban as condicións económicas.
-¿Que camiño collerán agora os socios de Hortumia?
-A maioría irán a Horsal, xa tivemos conversas previas para que lles facilitaran a súa entrada; outros buscaranse a vida para vender a distintos intermediarios.
-¿A horta do Salnés ten futuro?
-Si, o que hai que facer por parte das autoridades é concienciar os mozos de que o campo é unha saída digna, moi compatible coa famosa conciliación da vida laboral e familiar; ten que haber axudas para que haxa emprendedores, tamén no campo, e facer políticas para que se respecten os prezos.
-A competencia neste sector é tremenda, especialmente cos produtos que chegan do sur. Cousas do libre mercado...
-Estamos nun libre mercado, si, pero non todos xogamos coas mesmas regras. As autoridades tiñan que dar o paso para facer lexislacións laborais igualitarias dentro da UE, e con Marrocos, por exemplo, a lexislación tiña que ser diferente, había que regular a importación. Pero as autoridades miran para outro lado.