Ir ou non ir a Madrid

Carlos Blanco ACTOR

AROUSA

17 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O acento, a profesión, os nomes dos teatros, os soños...

Cando chamaban de Madrid para actuar nalgunha serie (case sempre a correr, case sempre para onte, prepara en cinco días un lanzador de coitelos serbo-croata e que resulte crible, xa quería eu ver nesas a Daniel Day Lewis, si ho!)...

Cando chamaban de Madrid pois molaba saber que ías currar con Adriana Ozores, ou Carmen Maura, eu que sei... xente que admiras... Ata que te decatas que xa traballabas con extraordinarias actrices aquí, tan boas ou mellores, pero claro....

Tiña graza a recepción do entorno cando saías na serie, chegaban guasaps. («¡Que guapo estabas en el Comisario!» , «Te vi ayer en Con el culo al aire, ¡qué guai!») Esas cousas, esas satisfaccións... E algo máis de cartos, claro, e avións, e coches, e atascos en La Ciudad de La Imagen, e castings...

E logo estaba o do acento. A neutralizalo, nin se lles pasaba pola cabeza un enxeñeiro, un xuíz, un arquitecto con acento galego, que batalla....

Pero fomos indo, fomos morrendo un a un, unha a unha cada semana en Hospital Central e foron sabendo o de que aquí había de todo, un fondo de canteira case inesgotable e a semente nova que xa viña empurrando con forza.

O de Galicia Calidade, recoñezámolo, foi un moi bo slogan.

Calou.

Entendeuse fóra.

Xente currante, preparada, lembro fixarme nalgún voo a Barcelona (porque esa é outra, a experiencia catalá merece capítulo aparte) e decatarme que aló íamos un profesor universitario, un mergullador de alto nivel, un actor...

Calidade.

E xa saben ben desde hai tempo que aquí faise bo teatro, bo audiovisual, e temos ducias de actrices/actores/directores/técnicos... De todo. E bo.

Xa hai tempo que de complexos, moi poucos.

Cartos xa menos, pero complexos....

Baixou a cousa, o IVE cultural máis inxusto de Europa acabou con moitos proxectos, as series seguen, directores e produtores galegos de prestixio seguen estando alí... E aquí.

E un nunca sabe, a vida dá tantas voltas... Seguirei fachendeando de ser amigo de Tosar, de María Bouzas, da gran Pujalte, de Francis Lorenzo de María Yáñez, de Sonia Castelo, de Teté Delgado, de Carlos Sedes, de Pedro Alonso e de tantos e tantas grandes compañeiras de viaxe.